LETRAS GALEGAS | Preguntas na Rúa

Literatura en #Nordesía: Vicente Araguas escribe sobre a obra de Xesús González Gómez
LETRAS GALEGAS | Preguntas na Rúa

Xesús González Gomez (A Rúa, 1950) reaparece no mundo editor, agora como novelista, algo que xa o fora nalgún momento, so do nome propio ou con seudónimo (Carlos Losada, vid. “Ucronía”). E eu supoño que o silencio que acolleu ata hoxe a Xesús González Gómez como criador ten moito que ver con aquel crítico que bulía, armado de espingarda, nas páxinas de “A Nosa Terra”, por exemplo. E dou testemuña directa como damnificado como fun, nalgún momento, da súa pluma. O certo, dígoo con alegría e respecto do grandísimo lector que é este home, con quen alternara en días remotos en Barcelona, que desfrutei moito lendo as súas reseñas, non sempre agresivas, algunha, mesmo, compracente, mais dotadas dun aguillón de avéspora alporizada. 


Lonxe todo aquilo leo agora, con apetito e unha certa fruición esta aventura narrativa do Xesús. Quen se desprazou ao seu lugar de orixe, A Rúa (Ourense) para nos falar dun home moi peculiar, atractivo, seica, vagamundo, disque, un tipo misterioso que se deixa ver, primeiro na estación, de A Rúa-Petín, como din, logo na vila. Un home culto que procura traballo como mecánico de autos, choio no que se desempeña, ocupante do seu tempo de lecer, na pensión na que se aloxa, na lectura de libros e lecturas diversas. Iso por non falar dos cinemas locais, o “Avenida” ou o “Rialto”, por el frecuentados. 


Das outras cousas que fai iremos sabendo ao longo dunha novela decididamente coral. Na que hai dous asasinatos, un deles o deste Federico que chegara un día á Rúa, procedente de Santiago, tan perto do seu berce, Sigüeiro, concello de Oroso. Na súa biografía unha chea de cousas e parentes, do meirande interese. Entre das cousas a súa afiliación á Falange Espeñola de las JONS (inevitable a referencia a Santiago Montero Díaz, un mugardés que pide novela exenta) logo duns inicios esquerdistas. 


E nesa condición, ao menos dentro do ruxe-ruxe consabido, é que se deixa ver en “A Rúa das preguntas” (Editorial Galaxia, Vigo, 2024).  Mais como aquí nada, ou case nada, é o que parece deixaremos que sexa o lector quen avance pola novela coral, escrita con estilo ben limpo, de Xesús González Gómez, ata chegar ás conclusións pertinentes. Que nos farán saber quen matou a Federico Fernández Varela, coñecido segundo por quen como “Ramiro Sas”, o morto anterior, anos corenta, fica no medio dunha historia con alemáns e o wolframio polo medio. 


Ambas mortes ben contadas e relacionadas por Xesús González Gomez, quen non se enreda de máis á hora de manexar tantas voces, a falar e a falar, por máis que o remate veña dado través dunha solución epistolar


Si, xa sei que un home estraño que apareza nun lugar pequeno no que nunca o viran, criando unha pequena revolución, é conto vello. Mais estando xa todo inventado, e a novela realista (e coral, para o caso) en estado imbatible, quero saúdar con agrado este libro. Fica por saber que crítica lle faría o Xesús González Gómez de non ser el o autor. Podo sospeitalo. Outra historia. 

LETRAS GALEGAS | Preguntas na Rúa

Te puede interesar