Co regreso ao panorama actual da extrema dereita e a súa cosmovisión humanista, resulta interesante lembrar a definición nazi de arte dexenerada (“Entartete kunst”), aquel desprezo á arte europea de vangarda das primeiras décadas do século XX. Un movemento que atacaron teimudamente a partir do acceso ao poder na Alemaña dos anos 30 coa chamada de atención a partir da exposición de Múnic de 1937 na que figuraban obra de Van Gogh, Gauguin, Picasso, Modigliani ou Chagall, entre outros.
É este o punto de partida do insólito ensaio “Arte dexenerada galega. Catro exemplos fóra da España saudable”, Premio Manuel Murguía de Ensaio 2023 que desde o título afronta con ironía dous conceptos como o citado de “arte dexenerada” e o de “España saudable”, que non é outra que a franquista. Cun narrar tan preciso como fluído, a profesora Blanca Rodríguez relata como a esa estética nacionalcatólica, dirixida por intelectuais como o camaleónico Eugenio D´Ors (a súa última biografía titúlase “La escritura y el poder”) que marcaban a arte que debería potenciarse en España en tempos de falanxismo da posguerra.
Neste ambiente, a historiadora compostelá analiza a figura de catro eximios creadores galegos que contrapoñen o seu labor ético e estético fronte a esta arte da propaganda reaccionaria que se estaba a defender no resto do Estado: Luís Seoane, Eugenio Granell, Maruja Mallo e Manuel Colmeiro. Trátase de artistas e creadores cun pé fincado en Galiza e nas súas xentes pero tamén conectados coas correntes de vangarda de comezos do século que revolucionaron o xeito de representar o seu país e os seus seres. Todos eles pasaron polo exilio e ao longo do ensaio coñecemos as súas peripecias vitais.
O labor inxente de Seoane con obras como ese estarrecedor volume de gravados “Trece estamas de la traición”, o cosmopolitismo de Granell, a falsa faciana rural de Colmeiro e a forza feminina e libérrima de Mallo, coas súas relacións onde non faltan Alberti ou Miguel Hernández.
Unha creatividade renovadora e unha estética unida a unha ética democrática que tantos atrancos tivo para darse a coñecer nun país que estaba nos antípodas do que estes artistas facían. Sería bo que en próximas reedicións deste magnífico ensaio figurasen as obras comentadas, xa que ademais de estar estupendamente escrito debería ser un útil libro de arte. E non andamos tan sobrados de historiografía de arte no noso sistema literario.