PÍLULAS LITERARIAS | Programas para os máis pequechos

Literatura en #Nordesía: X. Fandiño escribe desta volta de "Animais", de Antonio Rubio e ilustracións de Óscar Villán
PÍLULAS LITERARIAS | Programas para os máis pequechos

“Animais” é un dos títulos –son oito en total– da colección “Do berce á lúa”, unha das propostas máis celebradas da editorial Kalandraka –neste caso publicouse por vez primeira en 2019– para os pequenos da casa, de 0 a 3 anos. 

 

Nel, coma nos outros sete libros, converxen os talentos do mestre e dinamizador toledano Antonio Rubio –coordinador, ademais, do selo irmán Faktoría K– co ilustrador ourensán Óscar Villán, un dos máis grandes –e ten moi boa competencia– especialistas que hai en Galicia e que a todos marabillara con aquel traballo feito hai máis de veinte e cinco anos, “O coelliño branco”, co que gañara o Premio Nacional de Ilustración.


En “Animais”, como en “Lúa” ou no resto de títulos da colección, Villán e Rubio constrúen unha historia para “educar o ollo e adozar o oído” dos primeiros lectores, en palabras do escritor. Ten, polo tanto, moito de pedagóxico, unha introdución á lírica que vai caendo como o orballo entre os adultos do futuro.


A estrutura é a canónica do cancioneiro infantil, con enumeracións, repeticións e retrouso, un ritmo de base que combina moi ben coa sinxeleza e forza expresiva das figuras, dos animais, que  elabora Villán. 

 

O álbum, que pode adquirirse tamén nun formato máis grande, de 24x24 centímetros, máis acaído para os lectores máis pequenos, non só ten interese desde o punto de vista da aprendizaxe das formas e mecanismos da poesía –sempre adaptados ao público–, senón que tamén agocha unha mensaxe máis comprometida socialmente: a unión de persoas diferentes, ás veces tremendamente diferentes, pode dar para unha boa panda de amigos capaces de facer grandes  cousas.

PÍLULAS LITERARIAS | Programas para os máis pequechos

Te puede interesar