O escritor e ilustrador betanceiro Xosé Tomás é un dos máis prolíficos da literatura infantoxuvenil galega, como proba o feito de que ten publicado as súas historias na meirande parte delas. Do seu estilo, da súa maneira de concibir o que teñen que ser os textos dirixidos aos máis novos, destacamos sempre o compromiso social que plasma e tamén a capacidade de reflexión coa que dota os seus traballos. Toda a produción de Tomás está orientada a facer pensar, a mirarnos no espello, a procurar a empatía e a sacar de nós un sentimento tan humano como a solidariedade.
Nesa angueira enfócase este álbum ilustrado que presenta a ferrolá Embora dun xeito particular. Non é un invento, pero si é interesante que o conto poida empezarse por calquera das súas capas. Dunha banda, “Sete días con Lía”; da outra, “Sete días con Leo”, os nomes dos dous personaxes que, a través destas páxinas, nos irán relatando como é unha semana calquera das súas vidas. Lía vive nunha vila calquera de calquera país occidental coa súa nai e o seu avó logo de que o seu pai desaparecera dun día para outro.
Lía admira o avó por acompañala sempre en todo o que fai, por darlle azos nos días grises, e tamén comeza a comprender os momentos de escuridade da nai. Leo, pola súa banda, vive nun campo de refuxiados coa súa avoa e o seu pai, que agarda con impaciencia a chegada “duns papeis” que lle permitan deixar atrás o medo e a miseria para comezar unha nova vida. Dúas circunstancias, as de Lía e Leo, tan diferentes que, como poderán comprobar, non o son tanto como parecen. Lean este conto; está á altura dun grande como Xosé Tomás.