Non é a primeira vez que dicimos nesta páxina que o nivel da literatura infantoxuvenil é altísimo. Leva sendo así desde hai anos e, cando semella que nalgún punto ese esplendoroso momento debería rematar, aparecen títulos coma este que presenta Kalandraka que demostran que a idade dourada deste tipo de literatura segue vixente.
“Isto é moi estraño” é, ante todo, unha historia divertidísima. Pensada para cativos e cativas de tres anos en diante, conta, en primeira persoa, a “protesta” dun neno que non entende como é posible que os maiores, todos os maiores, sempre pensen que é un animal. Que se un coala, que se un ratiño, ou un leirón, ou un cochiño, un mono ou un peixe... Todo o mundo compara o noso protagonista con algún animal en todas e cada unha das situacións cotiás da súa vida. E o certo é que está farto porque é evidente –o espello non engana– que é unha persoa. Pequena, si, pero unha persoa.
O neno cansa e chega un momento no que berra, ponse no seu sitio e dilles alto e claro aos demais que están trabucados, que non é tal: nin un coala, nin un ratiño, tampouco un leirón nin un cocho, e moito menos un mono ou un peixe. A reacción dos maiores culmina este álbum ilustrado artellado por outro tándem que encaixa á perfección: o que conforman Matilde Tacchini e a ilustradora Mercè Galí.
Da primeira destacamos a orixinalidade coa que formula a historia, a través dunha secuencia de imaxes e símiles que atraerán a atención do pequeno lector ou lectora. Faino con orixinalidade, engandindo pezas a unha historia que semella non ter fin pero que fai moi partícipe a quen está ao outro lado. Da segunda, de Mercè Galí, subliñamos a sinxeleza coa que conecta as palabras de Tacchini. Son trazos certeiros, moi expresionistas, próximos á maneira que teñen os máis pequenos da casa de debuxar ou representar o seu mundo. E logo, no conxunto, destacamos a mensaxe, un texto cargado de humor que, no fondo, non é outra cousa que a reivindicación da personalidade do neno: ese espertar da conciencia que tantas cousas simpáticas ofrece