A última convocatoria do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados recaeu nesta marabilla da barcelonesa María Girón, a quen xa coñeciamos dunha obra que tamén viu a luz na editorial Kalandraka o ano pasado titulada “Os migrantes”. Causáranos daquela unha grande impresión porque abordaba un tema de actualidade con fondas convicións humanitarias e solidarias, elementos éticos e morais que deben guiar os títulos dirixidos ao público infantil. A educación nos valores democráticos de respecto á diversidade e á tolerancia ten que comezar na casa e, tamén, en idades temperás.
Unha delicia, en fin, que recomendamos, igual que facemos con este “Bim Bam Bum”. Dunha factura estética bela e rechamante –o formato apaisado tamén contribúe a esa sensación de colectivo, de grupo na procura de aventuras–, o libro de Girón, traducido ao galego por Manuela Rodríguez, presenta unha panda de amigos e amigas –uns animais humanizados, outros humanos, todos eles tan diferentes entre si– que se van incorporando ao grupo para pasar o día na praia.
A estrutura que emprega Girón baséase na repetición e na adición, un desenvolvemento que vai a máis, coma unha bóla de neve, cara a un obxectivo compartido: pasar, canda os amigos, sen pantallas, sen pecharse nos cuartos, un serán inesquecible. O aire libre, o xogo e as amizades reais –non as das redes sociais– como alicerces sobre os que edificar unha infancia e xuventude sás e activas.
Encántanos María Girón pola maneira que ten de tratar os temas e porque fai da lectura –as onomatopeias dan para un bo número musical– algo entretido, divertido e, por riba de todo, moralizante, no mellor dos sentidos.