PÍLULAS LITERARIAS | Unha expedición sanitaria única en versión ilustrada

Literatura en #Nordesía: X. Fandiño fala desta volta de "Novo Mundo"
PÍLULAS LITERARIAS | Unha expedición sanitaria única en versión ilustrada

A primeira versión de “Novo Mundo” xa ten uns anos –2018– e, en rústica, un par deles tamén, pero nestas páxinas estamos convencidos de que hai libros que non pasan de moda e de que nunca é tarde para recomendar. Este que presenta nunha fermosa edición a editorial Bululú é un deles.


Chegamos a esta marabilla co aval de que os seus autores –os arquitectos María Olmo e Borja López están detrás de El primo Ramón– gañaron no seu momento o premio Curuxa, unha das derivadas imprescindibles dunha das iniciativas culturais máis interesantes das últimas décadas en Galicia, o Museo do Humor de Fene. Fala moito e moi ben o seu alma máter, Xaquín Marín, deste curmán que converte en arte todo o que toca. A calidade das ilustracións que acompañan o texto, tamén da autoría de Olmo e López, é dun nivel altísimo e o propio formato da edición é unha oportunidade fantástica para dar a coñecer –a pequenos e maiores– unha historia da ciencia sanitaria na que Galicia tivo unha importancia decisiva.


A Real Expedición Filantrópica da Vacina, considerada a primeira misión sanitaria internacional da Historia, propúxose poñer coto aos devastadores efectos que estaba a provocar a varíola non só en Europa, senón tamén nas daquela –finais do XVIII e comezos do XIX– aínda colonias españolas. Como xa saberán, a corveta “María Pita” foi o vehículo no que viaxou unha vintena de nenos pequenos –arredor dos sete anos, entre eles o propio fillo da nosa protagonista– recrutados pola enfermeira e reitora do orfanato da Coruña, Isabel Zendal, cruzaron o Atlántico coa carga vírica atenuada para intentar inmunizar a maior parte da poboación.


A través destas páxinas enfiadas con habilidade por El primo Ramón coñeceremos moitos detalles daquela misión autorizada polo rei Carlos IV e liderada polo doutor Balmis. Foi un éxito porque permitiu vecinas milleiros –centos de miles– de personas e é unha sorte que Bululú escolla dous dos ilustradores máis destacados do panorama actual para contalo con esta sensibilidade e talento.

PÍLULAS LITERARIAS | Unha expedición sanitaria única en versión ilustrada

Te puede interesar