A editorial Kalandraka preséntanos o debut de Tobias Giacomazzi no álbum ilustrado “Quero andar sen rodiñas”, onde nos conta a historia de Rino, unha ra que quere deixar de utilizar ese complemento e botarse a andar libremente na bici como fan o resto das persoas que a rodean.
Non só os que a utilizan como un medio de transporte no seu traballo (no circo, o repartidor de xornais...), senón tamén por puro lecer... Mesmo os máis vellos! Rino sente unha frustración enorme ata que chega ese o “día D” e, por fin, quita os apoios. O que vén inmediatamente despois é o que todos sabemos que pasa sempre: o contacto co chan.
Giacomazzi dá o salto á literatura infantil con este título no que aborda un transo universal, o momento en que sacamos as rodiñas da bicicleta. Poucos intres tan memorables coma este e é esa experiencia histórica compartida a que converte esta obra iniciática nunha referencia cargada de morriña e diversión. Quen non lembra ese día?
Pero non é só nostalxia e un sorriso, senón que “Quero andar sen rodiñas” é tamén aprendizaxe. A carraxe e a vergoña que produce nos nenos e nenas que aprenden a andar en bici como os maiores é un sentimento natural e, aínda máis, necesario nese proceso.
Giacomazzi xoga cunha vantaxe: ademais da sensibilidade artística (ilustrador e músico), foi libreiro, profesión que lle permitiu profundizar na literatura infantil e xuvenil. E abofé que aproveitou a oportunidade porque aquí hai un traballo de moita calidade.