Ramón Maseda Reinante, un bo e xeneroso

Ramón Maseda Reinante, un bo e xeneroso
Casas Baratas da Coruña I Cedida

Hai poucos meses, paseando polo Campo de Marte –un parque moi xeitoso situado entre a rúa da Torre e o barrio de Montealto na Coruña, coñecido como Campo Volante– fixeime nun pequeno monólito, erixido á beira dunha das fileiras de casas construídas.


Por curiosidade, achegueime á placa –inaugurada o 11 de setembro de 1984– para saber a quen estaba dedicado o monumento. Sobre ela lin a seguinte inscrición: “La ciudad de La Coruña, en memoria a la labor humana y social de D. Ramón Maseda Reinante, que dio su vida por sus principios el 31 de agosto de 1936”. 
Eu, que son coruñés e residín gran parte da miña vida nese barrio, que de pequeno xoguei moito ao fútbol no parque e atraveseino innumerables veces para ir ao Campo da Leña, á rúa Panadeiras ou á Cidade Vella, teño que confesar –con certa vergoña– que non me dei conta da existencia dese monólito ata transcorridos corenta anos desde a súa inauguración. Mea culpa!


Anotei o seu nome no pequeno caderno que levo sempre comigo cando paseo. Intrigado por coñecer máis sobre a persoa homenaxeada –da que non sabía absolutamente nada–, unha vez chegado a casa escribín o seu nome na Internet. Tendo en conta a data da súa morte, e de que dera a súa vida “polos seus principios”, tiña que tratarse forzosamente dun dos miles de executados polos sublevados franquistas do 18 de xullo.


De acordo coas primeiras pescudas, souben que Ramón Maseda nacera en Ribadeo o 29 de abril de 1880, fillo de Francisco Maseda e de Paz Reinante. Casado con Esperanza García Iglesias (natural tamén de Ribadeo) e veciño da Coruña, era oficial de oficinas militares retirado, socio do Centro de Estudios Sociales Germinal (creado en 1902 por grupos de orientación anarquista e federalista) e estaba afiliado á Agrupación Socialista da Coruña, da cal foi presidente. Ademais, fora secretario da Liga Española de Derechos del Hombre e, en 1934, presidente da Sociedad Antorcha Galaica del Libre Pensamiento, institución cultural fundada en 1896 por elementos republicanos e libertarios. Así mesmo, foi o promotor das casas que se levantaron no Campo de Marte nos anos 20 do pasado século, o que explica a presenza do monólito no devandito lugar.


Tras efectuar as xestións pertinentes, conseguín acceder a unha información máis detallada sobre o noso protagonista no Arquivo Municipal da Coruña e no Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol (no Baluarte do Infante), que custodia a causa contra Ramón e outras persoas.

 

Promoción de casas baratas

No arquivo coruñés pódese consultar o “Expediente incoado en virtud de la instancia de Don Ramón Maseda Reinante, como Presidente de la “Sociedad Cooperativa de Casas Baratas”, solicitando del Ayuntamiento la cesión de los terrenos necesarios para la construcción de un grupo de veinticuatro casas en el Campo de Marte”. Maseda, na súa calidade de promotor da iniciativa, xustifica a súa solicitude –realizada o 10 de decembro de 1920– en base ao grave problema de escaseza de vivenda na cidade “generalizado, al parecer, en toda España, pero terriblemente insoluble en la Coruña, ciudad que por su rápido desarrollo comercial e industrial, ha proyectado y construido grandes y lujosos edificios ornamentales, elevados a expensas de pequeñas viviendas, albergue de numerosísimas familias”. Na sesión do 29 de decembro, o Concello da Coruña –presidido polo alcalde Antonio Lens– acorda conceder os terreos para a edificación das casas, que lle será notificado ao solicitante en febreiro de 1921.


Os trámites burocráticos (cesión de terreos, aprobación dos planos de urbanización e obtención da licenza de obras) vanse dilatar case cinco anos, quedando rematadas en 1928 as 24 casas proxectadas, unha das cales a ocuparán Ramón e a súa familia.

 

Expediente xudicial 207/1936

Maseda foi detido o 20 de xullo de 1936 no Goberno Civil. Despois de pasar polo Cuartel de Infantería de Atocha , ingresou na Prisión Provincial en réxime de incomunicación que duraría ata o primeiro de agosto. Formóuselle Consello de Guerra (a el e a outros máis), celebrado na Audiencia Territorial da Coruña o 26 de agosto, no que se lle xulga por rebelión militar. Acusado por varios suxeitos de estar a repartir armas, principalmente escopetas de caza e bombas de man (fornecidas por Francisco Prego e o deputado Guzmán), e arengando aos alí presentes para enfrontarse ás tropas do Exército, declara no xuízo que ese día se encontraba alí para xestionar unha licenza de caza, onde atopou a Francisco Mazariegos Martínez e Eladio Muíños, que no edificio non había armas e que lle sorprendera o tiroteo que se estaba producindo no exterior. 

 

5 Dilixencia de execuciu00f3n da sentencia
Dilixencia de execución da sentenza

 

Ademais del, aparecen procesados os mencionados Martínez e Muíños, e o último alcalde republicano, Alfredo Suárez Ferrín, entre outras persoas. A sentenza, ditada o 26 de agosto, condénao á pena de morte polo delito de traizón, pena que se executará cinco días despois mediante fusilamento no lugar de Adormideras (que, supoñemos, se refire ao Campo da Rata, lugar habitual de execucións).
Pouco tempo despois de cumprida a sentenza, o Xulgado abre peza de embargo contra os condenados, en concepto de Responsabilidade Civil, para o pago mancomunado e solidario de tres millóns de pesetas. Máis tarde esa sanción conmutaráselles por unha cantidade menor.


Apenas estivo Ramón un mes na prisión da Torre, lugar que, como ben di o historiador de Corcubión Luis Lamela (Los años de la guerra y la prisión provincial de La Coruña. Memorias de un recluso: Domingo Quiroga Ríos), era “de toda la geografía coruñesa, el epicentro de la tragedia (…), sobre cuyos tejados sobrevolaban numerosas gaviotas y (…) algunos cormoranes… en libertad”. Un lugar, por certo, desde onde os prisioneiros podían oír con claridade os disparos dos piquetes de fusilamento nos veciños campos da morte.


Foi Maseda, pois, un home de fondas preocupacións sociais, comprometido coa mellora educativa e cultural do pobo, asasinado, simplemente, por ser socialista e benfeitor das clases máis desfavorecidas, por aqueles que gritaban “España, una, grande y libre”.


Se pasan polo Campo de Marte, non deixen de visitar o monólito e dediquen uns minutos a contemplar as casas –hoxe bastante cambiadas– promovidas polo ribadense. Paga a pena!

Ramón Maseda Reinante, un bo e xeneroso

Te puede interesar