TERMAR DO LEME | Linguas resucitadas

Lingua en #Nordesía: Henrique Dacosta afonda na "resurrección" das linguas
TERMAR DO LEME | Linguas resucitadas

Resulta curioso saber que a voz ‘resurrección’ ten unhas orixes, falando en termos históricos, relativamente modernas. Vaia por diante que se refire, estritamente e nun primeiro momento, á volta ou regreso de Xesús Cristo entre os vivos. E, consecuentemente, nacerá ou, mellor dicindo, se comezará a expandir o seu uso, a partir do século XIII. 

 

É preciso dicir que houbo auctoritas que xa o utilizaran con antelación a este século. Refírome a Tertuliano, que no século III d. C. fará con ela alusión á resurrección final dos mortos. E no século VI d. C. haberá de ser o apoloxista cristián Lactancio quen o empregue co valor de resurrección, aínda que agora de Cristo.


A voz ‘resurrección’ procede etimoloxicamente de RESURRECTUS, participio latino do verbo RESURGERE (volver a levantarse). Que á súa vez, está formada polo prefixo RE- (cara a atrás) e SURGERE (xurdir). Mais será do latín tardío RESURRECTIO, -ŌNIS (acción de resucitar) que provirá en última instancia este vocábulo, definitivamente incorporado así á Cristiandade. 

 

No momento actual aínda existen algunhas mulleres, sobre todo dunha certa idade, que o poden levar como nome de pía (ao igual que Concepción, Purificación, Adoración, Ascensión, Asunción, Encarnación, Visitación, Consolación e outros). E, tal como acontece desde antigo con certo tipo de apelidos, o matronímico pasaría tamén directamente a estoutra onomástica. Que por certo, e para quen guste de fútbol, todo o mundo ha de saber quen é Koke Resurrección, centrocampista do Atlético de Madrid. 


Resulta simpático, fundamentalmente por se achar nos antípodas do que foi a orixe do vocábulo, quérese dicir, a súa ligazón primixenia co renacer de Xesús Cristo, ao mesmo tempo que a dignidade que, nuns primeiros momentos puido entrañar que unha persoa puidese ser bautizada co nome Resurrección, o feito de que a día de hoxe sexa denominado Resurrection Fest o principal evento musical ibérico dedicado ao metal, hardcore e punk, que se celebra todos os veráns en Viveiro desde 2006. Quero pensar que non existe ningún ánimo de ofender o sentimento relixioso con dita denominación, mais teño para min que bandas participantes como Motörhead, Kiss, Scorpions, Rammstein, Anthrax, Slayer ou Bad Religion, entre outras, son ben capaces de facer resucitar o máis pintado.


Mais vaiamos ao miolo da cuestión. No pasado 21 de febreiro, celebrouse o Día da Lingua Materna. Recórdese que dous días despois, no domingo 23, se celebraba por súa vez a multitudinaria manifestación en Compostela convocada pola plataforma Queremos Galego baixo o lema ‘Lingua vital, xa!’ Á parte do éxito da marcha, de cuxo clamor se fixeron eco moitos dos medios, resulta indecente o menosprezo que outros, e de gran alcance por certo, lle fixeron, relegándoa a un segundo plano. 

 

Con todo, tampouco nos debe estrañar que veñan suceder tales desprezos, que se tente menoscabar a vontade popular con que o pobo reclama unha planificación lingüística e igualitaria real, cando os cada vez menos meniños que chegan á escola co galego como lingua materna, reciben nela a inmersión lingüística inversa. En consecuencia, negar a maior e proclamar que a política lingüística se está a desenvolver correctamente é tanto como dicir que o planeta Terra é plano. 


En “Fóra de Mapa”, podcast que dá a coñecer as minorías menos visíbeis que existen en Europa –din os seus anfitrións–, falaban nesa xornada do Día da Lingua Materna sobre o livonio. E é que Kuldi Medne, meniña letoa de 5 anos e súa irmá Ilma, de menos de 2, son as únicas persoas que teñen como lingua materna o livonio. Da familia lingüística fino-ugria, a esta pertencen tamén o estonio e o finlandés. O seu territorio é o norte da península de Curlandia, en Letonia. Os datos oficiais indican que a súa última falante viva morrera en 2013, Grizelda Kristiņa, aínda que desde hai anos existe un crecente interese e activismo para recuperala, tal é o caso destas dúas meniñas, Kuldi e Ilma Medne. 


Exemplos semellantes sen saírmos de Europa témolos co córnico e o manx (ou gaélico manx), linguas da familia céltica. O córnico, idioma propio de Cornualles, condado do suroeste de Inglaterra, dise que morrera coa súa última falante nativa e, alén diso, monolingüe, Dolly Pentreath en 1777. Non obstante, mutatis mutandis, cítase 1800 como o ano da desaparición deste. No momento actual disque existen uns 3.500 falantes de córnico como segunda lingua, e todo grazas ao activismo nacido desde o primeiro cuarto do século XX. 

 

Situación algo semellante podemos apreciar con respecto ao manx. Rondando os 1.800 falantes na actualidade, díxose dela que era unha lingua extinta. En 1974, após o falecemento do seu último falante nativo, Ned Maddrell, a desaparición do idioma materializárase, seica, coa morte biolóxica del. No entanto, e novamente grazas ao activismo das autoridades locais e dos seus propios habitantes, tense logrado reavivalo. 


Ora ben, debemos considerar que estes tres exemplos vistos (livonio, córnico e manx) son tan só simples exercicios de reanimación, dado que o caso máis exemplar de resucitado dunha lingua é, sen dúbida ningunha, o do hebreo. A vontade infinita, infatigábel, atesourada polo “pobo elixido por Deus” veuno converter nun ente invencíbel, inmune ao fracaso. A lingua, xunto coa relixión, é elemento ineludíbel de cohesión, unha non se comprende sen a outra, sucedendo ao mesmo tempo que o magno proxecto sionista que se fraguou após a fundación do estado de Israel no 14 de maio de 1948. 

 

O hebreo é usada como lingua litúrxica do xudaísmo. Sábese que deixou de ser falada nalgún momento de entre os séculos I e IV. No entanto, a liturxia, así como a literatura rabínica mantívoa viva ao longo da Idade Media. A partir do século XIX foi resucitada oralmente. E hoxe é unha das dúas linguas oficiais do estado de Israel (a outra é o árabe), cuns 9 millóns de falantes, dos cales 5 millóns son nativos. A obstinación secular do pobo hebreo, sabémolo ben, transfórmase en resiliencia. E así como non lles arrendo a ganancia aos que intentan reanimar o livonio, o córnico ou o manx, ora sinta sincera e infinita admiración por eles, moito máis me admira a ilimitada teimosía do pobo hebreo. 

 

Xa en termos locais agora, quero e desexo o mellor para a miña, o galego, mais sendo realistas, véxoa moi lonxe de ser salvada da súa agonía, e afírmoo con coñecemento de causa. Vallan para este Ano Castelao as sabias palabras do propio rianxeiro, pois cobran máis forza se cabe por pertinentes: “Consideramos como actos bárbaros os atentados á vida dos idiomas. Que diriamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra mil veces superior á obra do Mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo, labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte”. 

TERMAR DO LEME | Linguas resucitadas

Te puede interesar