TERMAR DO LEME | Un teléfono móbil con moitos lalalos

Lingua en #Nordesía: Henrique Dacosta afonda no "léxico en situación agónica"
TERMAR DO LEME | Un teléfono móbil con moitos lalalos

Hai uns días, achábame nunha tenda de electrodomésticos indagando sobre un produto que agora non vén ao caso. Ao meu lado unha muller, diría que case octoxenaria, interesábase pola compra dun teléfono móbil. Polo que cheguei a entender, o que posuía actualmente non se adaptaba ao que ela necesitaba. Gustaría de un menos complexo, con tampa e teclas grandes e, máis que nada, sen tantos “lalalos”

 

Certo, dixo “lalalos”. O tal vocábulo transportoume ipso facto á máis tenra infancia. E non polo feito de aludir a un adorno ridículo e extravagante, colorido e con fitas, ou a un enredo, lea para xogar ou cousa semellante que se lle pode dar a un pequeno para que se entreteña, que tales son as acepcións a que alude a palabra. Porque o caso é que a tal palabra veu remexer en min o alongado da lingua, enténdaseme, o afastada que nos vai ficando, ao escoitar, despois de tantísimos anos esa voz familiar, se ben en estado moribundo. Miña mai utilizábaa de cando en vez, con ese valor comodín de confusión de cousas que se portan ou con que se pode enredar. Velaí está. 


Os dicionarios máis convencionais e académicos, non creo que por iso mellores nin de maior respecto que os restantes, nin recollen sequera dito vocábulo. Noutras palabras, parece non existir para eles. Non obstante, o dicionario da lingua de Isaac Alonso Estravís tráeo, e tamén, por exemplo, o de galego-castelán de Xosé Luís Franco Grande. No caso de acudirmos ao repositorio web “Dicionario de dicionarios” do ILG e USC, así mesmo se recada esta voz e se lle dá idéntico significado ao antes visto: tanto o de Xoán Cuveiro Piñol de 1876 como o de Marcial Valladares de 1884, ou o de Xosé Filgueira Valverde (et alii) de 1926, ou o de Leandro Carré Alvarellos de 1951, etc. Con todo, elucubrarmos acerca da etimoloxía da palabra “lalalo”, xa sería moito aventurar. Unha sorte de onomatopea talvez? Vaia vostede saber


Retrocedo no tempo. Son consciente de que moito vocabulario por pura lóxica teña hoxe que ir esmorecendo. Os tempos son mudados, a sociedade é cada vez máis urbana e os vellos usos, os que daban lugar a aquela natural cohabitación do rural co urbano de antano ficaron para a historia. A mecanización do campo, mais o seu abandono tamén, os apeiros de outrora, modos de cultivo e recolla de hoxe pouco se recoñecen naqueles. A este respecto, lía alá atrás nun texto de Neira Vilas, concretamente en “Xente no rodicio”, o seguinte: «Dou voltas, engrúñome, renxen as carochas do xergón, pero sigo aterecida, son moi frienta.» E abofé que podo recordar os colchóns con recheo de la, mesmo daqueloutros que até contiñan unha sorte de serraduras. Ora, dos que si non me lembro son desoutros embutidos de carochas, follatos ou folladas como o que aquí, en “Xente no rodicio”, se citan, pero sei que eran comúns en todas as aldeas, xa que meu pai me falaba de como as follas do millo ou maínzo se aproveitaban para secar estendidas no faiado. Unha vez secas, a súa función había de ser esa, a de servir de recheo para os xergóns. Hoxe, por sorte, un hábito (era por necesidade) desaparecido. 


O certo é que a esfolla do millo ou maínzo era un momento importante dentro do calendario agrícola. Actualmente, vemos recreacións deste proceso, por exemplo, na parroquia de Doso, en Narón. Nesta recreación, ademais da retirada das follas das mazarocas para iniciar o seu debagado, lévase a cabo un obradoiro de bonecas de millo, así como a preparación de bolas de tixola para a súa degustación. Sen dúbida, unha fermosa tradición que se pode observar tamén por outros puntos da nosa xeografía e que hoxe en día se celebra, incentivando ese valor etnográfico en que aínda os máis vellos son capaces de se veren representados. O Museo do Pobo Galego e outros máis modestos diseminados por todo o noso territorio, fanse eco de todo este legado etnográfico e antropolóxico que tanta relevancia garda e serve para afianzar o noso acervo máis ancestral. 


«Ai lalelo, ai lalalo», retrouso asaz habitual da canción popular tanto de coplas como de xotas, acaso non terá que ver coa devandita actividade e, por outro lado, co termo relativo ao falado adorno ridículo e extravagante, colorido e con fitas, ou a un enredo, lea para xogar ou cousa semellante que se lle pode dar a un pequeno para que se entreteña? Poñámonos estupendos e lancemos a hipótese de que puidese ser. Acho non existen disensións á hora de relacionar, precisamente, a palabra “foliada” coa actividade da “esfolla” ou “esfollada”, labor realizado en grupo durante os meses de outubro e novembro. Estes cánticos, xaora, terminaban de maneira habitual en baile, polo que, en consecuencia, os cantos festivos e de romaría en sentido xeral acabarían por extensión sendo coñecidos como “foliadas”, unha vez fóra do citado labor agrario. Doutra parte, existe outra hipótese, seguramente argumentada, de que a voz “foliada”, que deriva de “folía”, e que garda o sentido de diversión alegre e barulleira, procedería do francés “folie”, que significa loucura e que, na verdade, garda bastante sentido. 


Sexa cal for a orixe etimolóxica, “se non è vero, è ben trovato”, calla á perfección co espírito que emana da celebración do Día das Letras Galegas para este ano 2025, e que está dedicado ao cancioneiro popular galego. Resulta moi interesante o vídeo que no seu día o programa “Ben falado!” da TVG emitía sobre o “Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubart e Antón Santamarina”. Xesús Ferro Couselo dicía ao final que este cancioneiro é un fantástico repertorio documental moi útil para afianzar a lingua propia: do punto de vista fonético, morfolóxico, sintáctico, léxico e fraseolóxico. Non en van, a musicóloga suíza e o profesor da USC foron quen de recoller de viva voz de informantes e clasificar máis de 5.000 pezas de música de raíz por toda a xeografía do país, actividade que se prolongou de 1978 a 1983. Sete volumes e dúas escolmas escritas foron publicados entre 1984 e 1995, aínda que hoxe están fóra de catálogo. Porén, en 2014 Dorothé Schubart fixo doazón ao Museo do Pobo Galego de todo o material fonográfico arquivado; na actualidade forma parte do Arquivo Sonoro de Galiza. 


Este ano 2025 é obvio que todos habemos de cantar, con maior ou menor xeito, moitas cantigas dos nosos cancioneiros, xa for do de Dorothé Schubart, do de Álvaro de las Casas, do de Ramón Cabanillas ou doutros. Sen dúbida, o Día das Letras Galegas daralles pulo ao longo de todo o ano. Pena me dá hoxe o léxico en situación agónica, como sucede co dos “lalalos”, pois nin sequera conta co beneplácito dos dicionarios máis comúns e ao uso. Moito me temo que, de modo xenérico, acabará sendo carne de simples repositorios dificilmente alcanzábeis, fóra dos eruditos, vocábulos expostos cal mudas pezas de museo nunha vitrina, como mostra anella dunha infeliz realidade.

TERMAR DO LEME | Un teléfono móbil con moitos lalalos

Te puede interesar