Teño para min que cando, moitos anos atrás, o mundo se vía dividido neses dous bloques que deramos en etiquetar entre oriental e occidental existía toda unha lóxica, funcional cando menos, que dual ou bipolarmente simplificaba a nosa posición e modo de estar no mundo. Os Países Non Aliñados, está ben, tamén existían, non o vou negar. Mais todo veu colapsar desde o momento en que a Caída do Muro de Berlín e a posterior desmembración da URSS acabou por trocar por completo ese status quo estabelecido con posterioridade á Segunda Guerra Mundial.
O mundo virou máis pequeno, a utopía esboroou e a voracidade capitalista, así como a acomodación a unha nova realidade máis aberta, orfa en moitos destes casos dunha situación socioeconómica favorábel, serviu para desenterrar fantasmas do pasado que agora se fan manifestos, até conseguir que o que xulgabamos virtual veña hoxe evidenciarse, isto é, converterse en real.
A distopía, ese pensamento filosófico baseado nunha ficción de algo futuríbel dificilmente alcanzábel, está a asomar a cabeza, moi ao noso pesar. Verbi gratia, a mudanza climática, todos os pasos dados a prol dun mundo máis verde en termos de biodiversidade, respecto medioambiental e, sen dúbida, máis humano, choca de repente de forma violenta e frontal coa súa antítese. Falo desa cara B, da do máis absoluto desprezo pola intelixencia, polo mundo da ciencia que empiricamente nos está a dicir que camiñamos directos ao abismo de continuarmos co consumo de enerxías fósiles.
«Pueblos del mundo, extinguíos!, / haced que continúe la evolución [...]», cantaba Siniestro Total. Con rostro de malfeitor, o novo inquilino da Casa Branca (ventrílocuo do amo de Tesla et alii), e soberano cunha cohorte de acompañantes, dígase obscena plutocracia multimillonaria acaparadora de fortuna, empéñase en crear ese mundo distópico, o cal se antolla saído dun filme comicamente esperpéntico, dun pesadelo in crescendo, do que un, atrapado pola parálise, non dá espertado, asistindo a exabrupto vai, exabrupto vén do “amado líder”.
Pero vaiamos primeiro a Cuba, motivo deste artigo. A Lei Helms Burton, Lei da Liberdade Cubana e Solidariedade Democrática, a cal fora xa aprobada en 1966, e que foi asinada e posta en vigor polo presidente Bill Clinton, veu perpetuar o clima de hostilidade dos EEUU contra Cuba. Diferentes tensións habidas na segunda metade da década dos 90, enténdase crises dos balseiros, reactivaran as alarmas. Mais unha vez chegados a 2019, e coa primeira presidencia de Donald Trump, o Secretario de Estado, Mike Pompeo, pretendía aplicar o Título III desta contra Cuba a partir do 2 de maio.
Finalmente, ficou suspendida sine die. Sobra dicir o ben coñecidas que son as presións do lobby cubano-norteamericano na política estadounidense, grupo ultraconservador e anticastrista e afín ao trumpismo. A Fundación Nacional Cubano Americana, pertencente á dereita radical, anticomunista e extremista, ten o seu bastión na Florida; sábese das súas inxerencias en procesos electorais neste estado, así como as súas tentativas de querer eliminar a Fidel Castro en 1997, entre moitas outras accións, que non son poucas.
Baste dicir a este respecto como a humilde Crocodilo Verde, asociación de amizade co pobo cubano de Ferrol á que pertencín no seu día, chegou a recibir ameazas desde Miami por parte do grupo fundado por Jorge Mas Canosa, tan longos eran os seus tentáculos. Os senadores Bob Menéndez e Marco Rubio, teñen contribuído nos últimos tempos ao endurecemento das relacións dos Estados Unidos con Cuba. De feito, o propio Trump, en 2017, veu fortalecer o bloqueo comercial, ademais de aplicar novas restricións ás viaxes entre os dous países.
Velaquí o pan de cada día, o do inhumano bloqueo da illa por parte das diferentes administracións estadounidenses desde o outro lado do estreito da Florida, sorte de cortina de aceiro, neste caso 200 millas de auga, e suposta barreira entre o “mundo libre” (occidental) dos EEUU e o da “ditadura e opresión” (oriental) do comunismo castrista. Residuo desa Guerra Fría, dese mundo pretérito entre os dous bloques, Cuba aínda resiste, pero até cando? Non obstante, tamén existe a solidariedade familiar desde o exilio.
Ademais, non todos os cidadáns da illa fuxidos aos EEUU opinan o mesmo que os do FNCA nin aproban os seus métodos. Pese a todo, a xustiza social, hoxe en día cada vez máis deteriorada en Cuba, a cal vinculamos á sanidade universal, á educación, á política deportiva, á vivenda, ao traballo, continúan a ser algúns dos seus logros e alicerces básicos. Outros países do terceiro mundo, mesmo en vías de desenvolvemento, carecen deles. Alén diso, a solidariedade internacional é un valor engadido a este catálogo de boas prácticas levadas a cabo polo pobo cubano, cuxas brigadas médicas vemos actuando por moitos destes territorios desprovistos de principios básicos para unha vida digna e saudábel.
O caso é que Donald Trump, presidente electo democraticamente pola maioría dos cidadáns estadounidenses, puxo a súa egocéntrica e maquiavélica máquina en funcionamento a partir do primeiro día de mandato, 20 de xaneiro. Aínda atordados tras o descaro máis absoluto de verter ameazas contra Dinamarca, por se facer coa posesión de Groenlandia, do Canal de Panamá, argüíndo o suposto monopolio que compañías chinesas están a exercer sobre el, sobre os seus veciños, Canadá e México, coa aplicación dos aranceis, as súas insidias chegan tamén até a forma de denominar o Golfo de México, que xa conta para os mapas de Google como Golfo de América.
Outrosí, a xenreira contra o TPI, acusándoo de abuso de poder por emitir unha orde de arresto por crimes de guerra e lesa humanidade contra o primeiro ministro israelita, Benjamin Netanyahu. Donald Trump, presidente que ten adiadas dúas causas xudiciais e fálase dunha terceira por parte do congresista Al Green no caso de levar a cabo a súa febril idea de abrir un macro resort, o seu particular Marina D’Or, Ciudad de Vacaciones, na faixa de Gaza, após a previa limpeza étnica da rexión.
Hai tempo que o Dereito Internacional deixou de ter sentido tratándose de Rusia ou dos EEUU: a Unesco, a OMS, o Consello de Dereitos Humanos da ONU son unha molesta rémora que debe ser extirpada. America First. O amado líder Donald Trump fai tándem e aloumiños cos outros dous amados líderes planetarios, Vladimir Putin e Kim Jong-un, máximos expoñentes da “democracia mundial”.
Entrementres, as ultradereitas, máis entusiastas e desbocadas que nunca, reuníanse para aclamar e acatar servilmente os ditados do superheroe do momento, Donald Trump, e deseñar as estratexias a seguir neste punto crucial do camiño: Patriotas por Europa, mete medo. Levántase a tampa dos tronos. Desde logo que o auxe da extrema dereita non é para menosprezar, sobre todo sabendo das súas funestas consecuencias. Trump sementa temor e odio, agora cos aranceis, con se apropiar de Gaza e Groenlandia... O único que falta é saber cando lle tocará a Cuba.