TERMAR DO LEME | Saudades de Punta Arnela

Lingua en #Nordesía: Henrique Dacosta afonda no topónimo Punta Arnela
TERMAR DO LEME | Saudades de Punta Arnela

Á xente máis nova, pouco ou nada lles dirá este topónimo. Pero Punta Arnela, a pesar de ficar sepultada baixo o recheo que se realizou no seu día na enseada da Malata, foi capaz de manterse vivo até hai relativamente pouco. O vigor perdido pola Feira de Mostras do Noroeste foi sen dúbida o causante da paulatina desaparición desta denominación. Na década dos cincuenta a ollada pousárase sobre a Malata, nunha parte en que se pensou que facilmente se podería gañar terreo ao mar. 

 

O pintor González Collado, e segundo nos conta Esperanza Piñeiro de San Miguel en La feria de muestras, emociones, recuerdos, certezas, artigo pertencente ao libro Memoria histórica de Serantes, recordaba: “Yo era delineante en el Ayuntamiento. En la Malata, al rellenar se estaba conformando una enorme explanada, y a Julio Segade y a mí se nos ocurrió que sería idónea para la Feria. El Consorcio aceptó. Todos teníamos una gran ilusión y yo pinté carteles anunciadores antes de irme a Madrid”.  


Non obstante, fora a Peninsular Maderera a primeira empresa en recibir a concesión administrativa de terreos a ocupar, neste caso ao pé da ladeira que descende da Porta de Neira, na aba setentrional do Monte de Canido, entre a antiga fábrica de curtidos e a marxe esquerda da desembocadura do río da Sardiña. Sucedía no 26 de xuño de 1945, e en 1947 efectuábase unha nova ampliación, que chegaría a ocupar máis de cen mil metros cadrados, para depósito de troncos a flote, embarcadoiro de troncos, nave de caldeiras, edificio de transformación, nave de clasificación de chapa e guillotinas, nave para máquina plana e chapas finas, ciclóns dos equipos de aspiración, almacén de portas e edificio de oficinas. 

 

Orientárase fundamentalmente á fabricación de taboleiros e elementos de madeira laminada contrachapada. As portas “Record”, marca rexistrada en 1956, era o seu principal produto, de enorme demanda naqueles anos pola necesidade urxente de construción de novas vivendas por España adiante. Porén, a “Peninsular Maderera” desaparecería en 1976. 


Jorge Manuel Deza, en A pegada deportiva na parroquia de Serantes, artigo do mesmo libro citado, cóntanos como desde a curva do desaparecido restaurante o Sexto Pino até o túnel ferroviario da Malata, existe un longo paseo marítimo balizado por instalacións dedicadas a actividades deportivas e de ocio desde hai máis de corenta anos. Baloncesto, fútbol sala, atletismo, ximnasia rítmica, balonmán, natación, tenis, pádel, polo en canoa ou fútbol son algunhas das disciplinas practicadas nos diversos espazos e recintos existentes nas áreas de recheo de Punta Arnela e A Malata, salientando o pavillón polideportivo, o estadio de atletismo e o campo de fútbol. Outrora, con anterioridade a estes recheos, as lanchas á Cabana e á Graña servían como medio de transporte que salvaba este brazo de mar para poder chegar a estas dúas poboacións. 


Considerando o que veño de dicir, hoxe tan só sobreviven dous talasónimos neste breve espazo litoral: Punta Arnela e Ribeira. Vaiamos pois ao primeiro. En Punta Arnela, a voz ‘punta’ é transparente; procede do lat. tard. PUNCTA “estocada, ferida de arma punzante”, se ben toma aquí a idea de saliente, neste caso, que penetra no mar. Mentres que para Arnela é de notar a cantidade de topónimos do noso territorio cuxa raíz remite para o precéltico *sar- e céltico *sar-d-, e tamén *arn-“auga que flúe”; algúns estudosos reparan, así mesmo, en que remite á idea de ‘concavidade, valgada’, en definitiva, depresión por onde corre un río.

 

Véxase para o caso do río da Sardiña, para esta segunda raíz Sard- + suf. [dim.] –iña (< lat. -INU “idem”). Non temos máis que observar os Sar e Sarela, Sarria e Sarreaus, Sárdoma e Sardomela ou Ser e Sor —estas dúas como variantes—, e outros máis, quizais menos coñecidos. De feito, Serantes e Serantellos (suf. dim. -ellos < lat. -ICULOS “idem”) terían que ver tamén con este radical prerromano. En definitiva, en Arnela, á raíz Arn- engádeselle o suf. -ela (< -ĔLLU, -A “suf. dim. lat.”). 


Días atrás lembreime do Mundobasket’86, de cando Ferrol fora unha das súas sedes, de aí esta concatenación de ideas. O Club Baloncesto OAR tivo moito que ver na súa escolla para tal, ao se involucraren varios dos seus membros no comité organizador. Mais lembreime tamén dese bonito acto conmemorativo, xesto amigábel e fraternal que cada unha das seleccións aquí concentradas tivo co concello de Ferrol ao decidir plantar no Cantón unha árbore representativa de cada país

 

Así pois, no día 7 de xullo foi o embaixador de Israel quen, xunto ao alcalde daquela, Xaime Quintanilla, plantaban unha oliveira, e nos obsequiaba cunha colección de contos sefardís. No día 8 foi o secretario da embaixada da URSS quen, co edil Fernando Miramontes, plantaron un bidueiro, e obsequiaba uns filmes e fotos do seu país. O embaixador uruguaio, recibido polo alcalde e o edil de cultura, Eduardo Fra Molinero, plantaron unha acacia no día 9; mesmo día en que o representante angolano plantaba unha iuca. Xa na seguinte xornada, 10 de xullo, fora a vez de Cuba, quen co presidente da federación Ruperto Herrera e o alcalde plantaban unha catalpa. Mesma xornada en que o embaixador australiano facía o propio cunha cica.

 

O caso é que a semana pasada deime á busca dos devanditos exemplares polo Cantón, acompañados eles do seu monólito de pedra co nome do país e da árbore. Mais hei de dicir que encontrei 5 de 6. Non fun capaz de dar coa cica australiana. U-la? 


Evidentemente, unha cousa leva a outra. O histórico OAR xogou precisamente nun dos pavillóns de Punta Arnela até 1983. Unha vez inaugurado o polideportivo da Malata, pasou a disputar os seus partidos nesta nova cancha, escenario tamén do Mundobasket’86. Trece foron as súas temporadas na Liga ACB e a súa precursora Primeira División, participando tamén en tres ocasións na copa Korac, un gran club, hoxe infelizmente desaparecido. 

 

Ora, en toda esta concatenación de lembranzas, non podía faltar o Baxi Ferrol, o Club Universitario de Ferrol, fundado en 1997, e a xesta actual que está a levar a termo. Esta de 2024-2025 é a súa novena temporada na Liga Femenina Endesa, a primeira categoría do baloncesto español. Sete títulos de Copa Galicia, tres clasificacións para disputar a Copa da Raíña, etc. avalan a espléndida traxectoria do equipo, aínda que o pulo cualitativo deuno ao se clasificar para disputar a final da Eurocup, fito co que xa teñen gañado o respecto e admiración de todos nós, cun baloncesto de primeiro nivel, que aplaca as saudades de Punta Arnela, hoxe na Malata convertidas en orgullo.

TERMAR DO LEME | Saudades de Punta Arnela

Te puede interesar