Allegro ma non troppo

O grande historiador Caro M. Cipolla (1922-2000), catedrático de Historia  Económica nas universidades de Pavía e Berkeley escribiu un breve ensaio sobre as leis fundamentais da estupidez humana que nos ven como anel ao dedo dado a inxente cantidade de estúpidos e estúpidas que andan por aí soltos. A xenética e a socioloxía esfórzanse en probar que todos os homes son iguais por natureza, pero o insigne profesor non concorda con esta tese e manifesta que uns son estúpidos e outros non, e iso non o provocan forzas ou factores culturais senón a bioxenética da Mai Natureza. Un nace estúpido e xa está, polo designio da Divina Providencia.


Así como un loiro sabe que o é, o estúpido descoñece a súa pertenza ao grupo dos idiotas e axiña se lle presenta oportunidade nega a súa estupidez. O músico pop Nacho Cano agora metido a produtor  de musicais manifestou hai uns días que non é estúpido porque non é comunista. Dixo esta estupidez no marco dunha investigación policial debida a certas irregularidades cos contratos a uns rapaces e rapazas mexicanos que forman parte do elenco artístico do seu musical “Malinche”. Polo visto pagáballes 500 € ao mes por 10 horas de traballo diario, nun caso flagrante de explotación laboral. Ao ser investigado , este produtor musical non reparou en dicir, ademais da estupidez de relacionar comunismo con idiotismo, que a policía é criminal por perseguilo dese xeito. Claro, o neoliberalismo do músico en cuestión é facer caixa sen reparar nos métodos, algo directamente relacionado coa explotación e a ignominia dun empresario sen escrúpulos. Pero a cousa non remata aí, non, senón que entra en escena  a señora Ayuso, que non é estúpida pola mesma razón que Cano (imaxino), defendendo ao seu amigo e dicindo que eses métodos de persecución son propios do stalinismo. E a muller, como sempre, logo dunha arroutada así, queda tan tranquila. E un se pregunta se non estaremos no mundo do revés onde xa nada sorprende, onde case todo é virtual, onde é praxe stalinista e criminal investigar a un presunto explotador laboral e por outra banda moi normal perseguir, por poñer un exemplo ben próximo, á esposa do presidente do goberno co único e sibilino motivo de amolar ao presidente do goberno sen sacar outro beneficio ( típico dos estúpidos, segundo Cipolla.).


Ten o compositor un perfecto argumento nesta historia de contratos ilegais e amizades incondicionais para un novo musical: “No soy un estúpido comunista”  en “allegro ma non tropo”, non a demasiada velocidade, para mellor dixerir o argumento. Pero quizais non sexa unha boa idea dados os antecedentes.

Allegro ma non troppo

Te puede interesar