on coñezo persoalmente a Lucas Pérez. A única vez que coincidín con el foi no aparcadoiro do Obelisco da Coruña cando quedamos atascados na porta de aceso por mor do mastro do estoxo da miña guitarra e el amablemente deu un paso atrás para facilitarme paso. En termos futbolísticos saíu moi ben da presión daquela involuntaria marcaxe. Vino un par de veces sobre o céspede de Riazor e tamén na TV defendendo as cores do Deportivo. E nada máis.
Soubemos non seu intre do xesto aquel de abandonar a disciplina do Cádiz perdendo diñeiro para se incorporar ao “seu” amado Deportivo. Foi recibido polos seareiros como a peza clave para a salvación do equipo que naquel intre pasaba por unha situación dabondo delicada e é probable que el asumise tamén o papel de persoeiro crucial no rexurdimento do equipo na volta á categoría profesional, a segunda división. Daquela relación idílica pasamos á tempestade actual. Non debe estar cómodo sentíndose un máis, de aí a decisión de marchar: voume que teño que marchar! proclamou aos catro ventos tratando quedar ben con todos agás con certo sector da prensa que segundo el, non dou en clarexar as causas do seu divorcio deportivo. Non será que acadou demasiado peso no vestiario? Non será que os seus criterios chegaron a pesar tanto como os do adestrador? Non será que desexaba máis protagonismo? Non será que non tiña cuberta as doses de mimo que el cría merecer? En fin: que será, será?
Case sempre ocorre que para acadar certas cousas hai que renunciar a outras: non se pode ter todo. Se realmente Lucas Pérez veu ao Depor perdendo cartos, non é difícil entender que este sacrificio supoñería outras vantaxes para o futbolista, se non non se entende. O que si se entende á primeira é que un equipo de fútbol profesional é unha empresa na que todos os seus empregados están suxeitos a contrato que se pode cancelar se hai acordo entre as partes. Se Lucas se quere ir rescindindo o seu compromiso co club, vaise e a outra cousa, pero marchar incomodado coa empresa dicindo que non esperaba que o trataran así, que estaba pasado por malos momentos, que non sentiu apoio cando máis o necesitaba, parece que é sacar os pés do testo, e a un dálle por pensar que estas cousas só pasan no mundo do fútbol.
Rosalía dicía aquilo de: “Este vaise/aquel vaise...” referíndose ao tremendo problema da emigración. E salvando as consabidas distancias o Julio Iglesias cantaba: “Al final las obras quedan/ las gentes se van/ Otros que vienen las continuarán/ La vida sigue igual”. Vaia co Xulio, todo un filósofo!