A bandeira coruñesa de Galicia

Vostedes desculparán, pero vou insistir no mesmo que hai sete días. Porque esta semana a Real Academia Galega (RAG) consumou o dubidoso xesto de celebrar o Centenario de Manuel Murguía, na Coruña, cunha charla contra á evidente relación entre a bandeira galega e a da capitanía marítima desta cidade. Algo innecesario, que correu a cargo do deseñador Pepe Barro e que, de verdade, non foi máis que outra mostra de como son capaces algúns de retorcer a realidade con tal de intentar sacar A Coruña da centralidade que ten na historia de Galicia e o galeguismo. Un disparate. Que cómpre responder. 
 

A primeira aparición pública documentada no seu momento dunha bandeira idéntica á actual de Galicia –franxa diagonal azul de esquerda a dereita sobre fondo branco– foi en xuño de 1891, cando a Capitanía Marítima da Coruña oficializa ese deseño para evitar confusións con Rusia, xa que ambos utilizaban a Cruz de San Andrés. Isto está por escrito, así. Obviamente era o século XIX, de burocracía lentísima, polo que non é raro deducir que esa nova “matrícula” xa se usaba oficiosamente algún tempo antes. 
 

Porén, esta RAG aférrase a que un xornal de Arxentina dixo, sete anos despois dos feitos, que a bandeira galega tal e como a coñecemos apareceu en maio de 1891 –un mes antes da coruñesa, milagre!– deseñada por Murguía para o traslado dos restos de Rosalía de Castro de Padrón (onde protestaron) a Santiago. Non hai unha soa imaxe ou crónica do importante acto –cuberto por toda a prensa– que diga tal cousa naqueles días. Só a posteriori naceu o raro dato illado, que agora usan para tapar a evidencia, cegados contra Coruña. Mimá. 
 

A Coruña era na altura a capital de Galicia e do galeguismo liberal. É absolutamente imposible que o seu líder, Manuel Murguía, deseñase unha bandeira idéntica á da Capitanía sen decatarse, fenómeno extensible a todo o galeguismo que seica tampouco se enterou diso durante dúas décadas, co uso do emblema aínda moi restrinxido e tempo para cambialo. Incrible. E resulta xa de risa afirmar que un activista como Murguía, ademais afeccionado ás polémicas, deseñara o principal símbolo de Galicia pero non llo contara a ninguén nunca, porque non aparece nada sobre a cuestión nos seus varios tomos de correspondencia e artigos. Un disparate. Pero iso é o que nos queren facer crer académicos obsesionados co anti-coruñesismo (así como a plataforma Vía Galega, afín ao BNG, que defende a mesma esotérica teoría). 
 

A enseña martítima da Coruña ondeou naquel final do XIX no Centro Gallego da Habana, tamén na defensa da Capitanía Xeral da Coruña en 1893 –con Murguía metido no allo– ou incorporouse ao escudo do Dépor en 1912. No Pazo de María Pita en 1921 tería a súa estrea institucional, xa como bandeira de todos os galegos, algo que levaba varios anos afianzándose. Franxa azul sobre fondo branco. A bandeira coruñesa de Galicia. A de Galicia.

A bandeira coruñesa de Galicia

Te puede interesar