Dicir que Carvalho Calero e Ferrol teñen unha relación estreita é obvio, aínda que habería que saber diso fóra do ámbito político - cultural. O 10 de maio tiven ocasión de asistir ao acto da Sociedade Cultural Medulio, organizada na Libraría Galiano. Alí puiden facerme cun magnífico exemplar da súa obra literaria, editada por Biblos e co patrocinio do Parlamento galego.
Estes días chegábame un exemplar editado polo padroado de Rosalía de Castro en 1973 que traía os “Cantares Gallegos”, “Follas Novas” e o “En las orillas del Sar” da nosa matriarca e cun prólogo do propio Carvalho. Sei tamén da boa acollida que tivo o ano pasado, co Día das Letras Galegas dedicado a este ferrolán, do libro de Embora cos seus poemas seleccionados por Dobarro e ilustrados por Calros Silvar. É dicir, afortunadamente, os libros seguen a dar vida á vida das e dos autores, especialmente se teñen algo que aportar.