Cheché Martín, no pazo municipal

Este 2024 é o centenario do nacemento de José Mª Martín Rodríguez / Cheché; con tal motivo, o Pazo Municipal acolle a mostra “Cheché Martín. A vida nun trazo”, cuxo comisario é Rubén Ventureira. Cheché Martín, neto do médico Rodríguez, foi un artista nato e autodidacta que tivo que alternar o fúltbol coa pintura e iniciou a súa andaiana como caricaturista  nos cafés de Bos Aires. En 1947 trasládase a París, onde puido coñecer a obra dos grandes mestres, sendo influido, especialmente por Picasso e Matisse. Estancias en Barcelona e Madrid achegáronlle á pintura  de Tapies. Guinovart, do Museo do Prado doaralle o atavismo. Xa de volta na Coruña, manterase nunha figuración na fronteira do clásico, ata os anos finais (1979-1990) en que recibe a “labarada da cor”, como dirá Miguel González Garcés, e fai unha obra de corte expresionista e de encendidas gamas. A súa filla, Marita Carmona, salienta a súa capacidade de observación da realidade e das persoas que o rodean, que consegue reflectir con  liberdade e grande perfeccionismo. Dan fe de esto a serie de retratos que aparecen na exposición, como “Muller sentada de perfil”, “Retrato de home arxentino”, “Home pensativo”, “Home con pipa”, “Retrato de muller”, “Neno”, “Músico” ou “Muller mexicana”, entre outros. Salientables son os retratos de Julio Ponte, de “Joaquín, irmán do artista” e moi especialmente o óleo “Elvira, nai do artista”, no que fai un exquisito e delicado retrato da súa nai, no que consegue transmitir a idea dunha persoa amable e reflexiva. A finura e sutileza atinxen cotas inigualabeis nos varios retratos que fai dos seus fillos Chché, Elvira, Rossana e da súa muller Tolla. Un aspecto singular da exposición e a obra dos anos finais, realizada a partir de 1979 ata 1990, na que hai un estalido da cor e unha distorsión do trazo que se achega aos presupostos do expresionismo; esto tradúcese, no caso do retrato, na deformación caricaturesca, por medio de soltas pinceladas que traducen dramatismo psicolóxico. Tal pode verse en  “Home con gorra, de perfil”, cuxo alongado e grotesco rostro marelo transmite a idea dun ser animicamente grotesco. Pola contra, nas paisaxes “Recordo de México” (anos 80) “Paisaxe galega”, tamén do 80, e “Rural galego” destaca, ademáis da vibrante cor, a libre e axitada articulacion dos planos que transmiten a sensación da presencia de forzas telúricas que semellan estar convulsionando a contorna. En canto aos seis bodegóns desta época, o seu exultante cromatismo de plantas, frores, frutos e obxectos varios como tazas, platos, vasos... refrendan a sensación de polifonía, e de exultante canto que emana da sinxela beleza das cousas que nos rodean. Nunha entrevista que, en 1981, co gallo da sua exposición na galería Giannni de A Coruña, lle fixo o xornalista Ezequiel Pérez Montes, confesaba que a súa inspiración nacía do natural, daquelo que o rodeaba, pero “...a través do meu pensamento que utilizo a maneira de filtro...”. Este ver interiorizado é o que fai única a súa obra.

Cheché Martín, no pazo municipal

Te puede interesar