O pasado día 30, coincidindo co aniversario do natalicio de Daniel Rodríguez Castelao e organizado polo Club de Prensa de Ferrol, celebrouse un acto no Centro Cultural Torrente Ballester da nosa cidade no que o profesor Suso Basterrechea impartiu unha moi ilustrativa conferencia sobre estilos e tendencias relacionados coa arte da ilustración que ten moito que ver co tema da comunicación. Este ano homenaxéase a Xosé Vizoso, un mindoniense que traballou catro décadas en Sargadelos con Xosé Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo e neto de Camilo Díaz Baliño ilustre ilustrador ao que, entre outros significados artistas, fixo referencia Suso Basterrechea. É a primeira vez, dende que se celebra o Día da Ilustración, que se fai homenaxe a alguén que está vivo o que resulta moi axeitado porque o homenaxeado Xosé Vizoso ten dereito a desfrutar do seu recoñecemento.
Se nos atemos ao significado básico de ilustrar, teriamos que dicir que consiste en poñer un debuxo ou unha foto nun texto para darlle significado á escrita. Tamén os carteis se poden considerar pezas da ilustración e neste apartado temos significados artistas que no seu momento crearon tendencia. Na súa palestra, Suso Basterrechea amosou imaxes dos carteis de Toulouse Lautrec referidos ao famoso local “Moulin Rouge” de París, cidade que foi centro neurálxico das tendencias artísticas da época, pero tamén significou aos nosos Camilo Díaz Baliño e Máximo Ramos, pioneiros da nómina de excelentes ilustradores que dou a nosa terra, e deixou tamén ben claro que o dito “unha imaxe vale máis que mil palabras” non é certo.
Este acto conmemorativo tivo continuidade ao día seguinte no Museo de Cerámica “Pérez Porto” de Esmelle, pequeno na superficie pero grande no seu contido, un orgullo para a xente de Esmelle, onde a directora Carme Romero nos explicou a orixe das diversas pezas que forman parte do legado artístico de Francisco Pérez incluídas nos apartados do “Bosque de Merlín”, inspirada na obra literaria de Álvaro Cunqueiro, e de “Obras con pintura de Sargadelos” (Pérez Porto traballou unha tempada con Isaac Díaz Pardo). Carme Romero ofreceunos unha demostración de como é o proceso da creación dunha porción de cerámica paso a paso e entregou ao Club de Prensa unha obra inspirada nun debuxo de Xosé Vizoso, encargo do club para facerllo chegar ao homenaxeado.
Dúas interesantes xornadas nas que quedou clara a importancia que ten a ilustración no mundo da comunicación nos seus múltiples aspectos e para lembrar esa nómina de excelentes ilustradores que forman parte do patrimonio artístico da nosa terra.