Festas

 que te perdiches, é o que lle contesto a quen me pregunta polo concerto que Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra nos regalaron á nutrida parroquia que nos demos cita para encher o anfiteatro de Santa Margarita na noitiña do pasado xoves.


De caldear o ambiente encargouse Maika Makovski -a cantante balear filla de macedonio-, que, mesmo, logo subiría de novo ao palco para cantar xunto a Kusturica. Sabía dela como presentadora do programa nocturno “La hora musa”, na TVE2, mais non a controlaba como cantante. Vin boa parte do concerto e gustei. Agradecino, porque non fora ao parque vela a ela, senón ao conxunto balcánico.


E falando do parque -que non pisaba nin recordo cando-, unha vez que me instalei dentro, veume á cabeza que non o coñecín con esa denominación e si coa de monte de Santa Margarita, de onde, inclusive, se extraía pedra, dunha canteira, no que hoxe se ubica o denominado Palacio da Ópera, onde ten a sede El Ideal Gallego. E recordei que a primeira vez que por alí andei, polo chamado monte, foi para ver unha proba de trial, na compaña de meu irmá, sempre moi motero, que ata hai pouco pilotaba unha destas xigantescas BMW, na que algunha vez me levou á Malata para ver o Racing.


Hoxe, e desde xa hai anos, o de Santa Margarita é un auténtico parque, onde, entre outras cousas, se pode visitar a chamada Casa das Ciencias, moi recomendable para nenos e grandes.


Tiña moitas ganas de ver a banda Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra, máxime a sabendas de que está dando as últimas voltas antes da retirada, prevista para o 21 de decembro en París. Mágoa sería non poder telos visto, porque é algo que realmente paga a pena. Tiña ese presentemento, porque na rede están colgadas unhas cantas mostras de actuacións en directo -mesmo algún concerto íntegro- que teño visto de cando en cando, mais en honor á verdade debo dicir que vin e escoitei máis do que supoñía e agardaba. Paseino francamente ben. Aínda que, seguramente, non tanto como todos e cada un dos nove músicos do grupo.


O “unza unza”, ese seu estilo, mestura continua de ritmos ciganos, con punk, funk, jazz, rock..., ben artellados con apariencia caótica, e esa música balcánica, nada da unión de civilizacións e culturas, incitan ao goce. Acordeón, guitarras, baixo, tuba, percusión, saxo, voces contribúen a facer da banda algo diferente, único.


En Santa Margarita puidemos escoitar, penso, o mellor da banda Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra: Tarantella, Comandante , Fuck You MTV, Tito Puente, Life Is A Miracle, Meine Stadt, Djindji Rindji Bubamara Before The End  ou Cerveza, boa parte deles temas incluídos no seu último CD Corps Diplomatique, editado en Francia en 2018. “Cerveza”, por certo, é a primeira e única gravación en español que fixo o grupo:


“El dios es solo uno / Religiones muchas hay / En mi caso no las hay dos / La cervecita es mi unico dios //... // El dios es solo uno / Cerveza / Cerveza / El dios es solo uno /  Cerveza / Cerveza   // Cuando la vida no me va bien / Cerveza / Cerveza / Cuando la vida no me va bien / Cerveza / Cerveza”.


De liortas relixiosas saben ben, por desgraza, os membros desta interesantísima banda.

Festas

Te puede interesar