Forasteiros na Coruña

Axente de fóra é noticia. A xente de fóra de onde vivimos nós, ou sexa, o que somos todos cando imos a outro sitio. Por exemplo facendo turismo, esa actividade agora en fase de criminalización, como se viu cos acosos a restaurantes céntricos de Barcelona ou cunha fugaz pintada nos Cantóns da Coruña.


A chamada turismofobia vén de lonxe, pero creceu estes días por mor dunha actividade inmobiliaria, os pisos turísticos, que nada axuda na crise de vivenda que atravesamos e que si son un problema real, que a maioría das administracións progresistas traballan para solucionar. Pero nesa cuestión os responsables son de aquí, os de fóra un instrumento. Non mesturar.


O turismo é unha actividade económica importante, beneficiosa para a poboación, aínda que poida crear puntos conflitivos. En Galicia apenas uns poucos, coa praia das Catedrais e o Casco Vello de Compostela á fronte. Nada que xustifique os desmáns diálecticos que hai que escoitar, en moitas ocasións cercanos á xenofobia e de orixe primitivista. Hai pouco, lin ao típico listo de esquerdaza dicir que o de viaxar é un capricho xerado polo capitalismo que os nosos avós non tiñan. Difícil subir ese nivel de reaccionarismo, que parece solicitar o regreso á ignorancia, a pobreza e a esperanza de vida de 36 anos. Un disparate.


A maiores, soster que na Coruña existe un problema co Turismo e vivir noutro mundo. E tamén ir en contra da personalidade mesma desta urbe, xa saben a cidade “onde ninguén é forasteiro”. Porque alén do slogan, hai unha realidade detrás, a de que a condición portuaria e ilustrada da Coruña fíxoa receptiva ao exterior como ningunha outra en Galicia. Seguimos sendo así. Non inventen problemas onde non os hai, xa que, ademais, os nosos encantos están repartidos e así evitan as masificacións, das que –cando hai– somos tamén responsables os propios veciños, que non temos pinta de estar dispostos a renunciar a pasear, terracear ou encher os locais. Está no noso ADN. E se hai xente de fóra ao lado, pois wellcome.


Mais tamén se falou estes días doutros foráneos, os inmigrantes. O reparto por todo o territorio estatal dunhas decenas de menores -humanidade básica- provocou o estoupido da ultradereita, sempre allea aos valores universais.


Outra cuestión son os retos que plantexa a inmigración, que ademais dos humanitarios tamén abranguen terreos económicos ou sociais. Os posturitas pensan que con abrir a porta xa está, xa lles dá para publicar en redes o boas persoas que son. Pero o tema é moito máis complexo, en especial se o afrontas desde posicións progresistas. Precisamos migrantes, é un feito. Benvidos sexan. Pero iso tamén nos obriga a actuar, a asumir responsabilidades como a de darlles ensino, traballo e, sobre todo, integración. Lonxe de guettos ou tradicións inaceptables. Ese é o traballo necesario. Podemos e debemos facelo. Para non repetir o de Francia.

 

Forasteiros na Coruña

Te puede interesar