n dos temas dos que nas últimas semanas máis noticias leo e escoito na prensa diaria e nos medios de comunicación audiovisual reférese ao que pode acontecer perante da negativa das entidades de seguro médico que desde hai anos veñen prestando asistencia sanitaria aos funcionarios, tanto civís como militares, afiliados, segundo os casos, a MUFACE (Mutualidad General de Funcionarios Civiles del Estado), a MUGEJU (Mutualidad General Judicial) ou a ISFAS (Instituto Social de las Fuerzas Armadas), que, voluntariamente -que todo hai que dicilo- optaron por este medio privado de atención.
Á vista do lido e escoitado, teño a impresión de que, en moitas desas informacións, o que se pretende transmitir vai máis aló de poñer de relevo a simple -e ata lóxica ,se se quer- preocupación do funcionariado afectado, que son moitos miles de persoas, creando unha situación de alarmismo que, ao meu entender, é a todas luces excesivo. Nalgúns casos seméllame cheirar certo tufo dunha arremetida máis contra o goberno, que, neste caso, entendo que foi facendo o que se podía facer. Durante anos asináronse convenios entre unhas entidades públicas –Muface, Mugeju e Isfas– e unhas entidades privadas –Adeslas, Sanitas, DKV, Asisa...– polo que estas, a cambio dun diñeiro, naturalmente, se prestan a cubrir as necesidades de atención sanitaria do funcionariado.
De entrada, percibo que é pouco ou nada o que se explica da situación. Canta xente sabe que son Muface, Mugeju ou Isfas? Diría que non moita. E canta coñece como funciona o sistema de atención sanitaria dos afiliados e afiliadas a estes organismos públicos? Diría que menos aínda. Tanto é así que, habitualmente, se asocia ser de Muface con utilizar a medicina privada. E nada máis lonxe da realidade.
Fun funcionario en 1984 –hai, pois, 49 anos– e desde aquela a hoxe sempre optei pola asistencia sanitaria do Servizo Público de Saúde, o que lle toca á inmensa maioría da xente. Se, ademais, é mellor, para que andar con ridículos clasismos?
Cando se fala deste problema da negativa de determinadas aseguradoras de seguir asinando convenios cos organismos públicos que, obrigatoriamente –cómpre resaltalo–, agrupan o funcionariado, paréceme que no está de máis indicar que o nacemento destas entidades tivo lugar en xullo de 1975, isto é meses antes da morte do ditador, coa finalidade de poñer algo de orde na máis que precaria atención sanitaria que tiveran os funcionarios, peor que a dos outros cidadáns.
O curioso, algo que sempre me chamou a atención, porque me parece algo carente de sentido, é que o funcionariado tivese atención sanitaria privada e non pública, como sería de esperar. E de aí os problemas actuais.
As aseguradoras reclaman unha subida inasumible. Nada menos que un 38%.
O goberno fala dun convenio a 3 anos cunha subida global do 33,5%, que sería do 19,37% neste primeiro ano. Cantas veces, al longo da súa vida, lles subiron a vostedes, amables lectores e lectoras, máis dun 19%? Supoño que ningunha, porque é moito. Mais as entidades sanitarias implicadas din que non lles abonda.
Todo nos leva a un pulso –se cadrar cun aquel de chantaxe– no contexto da constante pelexa do privado por controlar a xestión de servizos imprescindibles para a cidadanía no que entendo que non se pode ceder.