Medio século

No curso 1968-1969 -que xa choveu- matriculeime por vez primeira na Universidade de Santiago. Persoeime no edificio que daquela se coñecía como da Universidade -penso que hoxe non é tanto así-, ubicado na praza dese nome, portando un sobre de matrícula da Facultade de Dereito. Nesa altura, o edificio neoclásico construído a finais do XVIII, seguindo planos de Miguel Ferro Caaveiro, que hoxe é o da Falcultade de Xeografía e Historia, albergaba, ademais da Reitoría da Universidade, as Facultades de Dereito -creada en 1649- e a de Filosofía e Letras -creada en 1922. Creo que este dato dá idea do volume da Universidade compostelá nese tempo. O estudantado era escaso -por volta de 6.000 persoas-, de aí que, con algo de esaxeración, se dixese que nos coñeciamos todos e todas. Eramos, sen dúbida, xente moi privilexiada. Estando na cola, como non tiña moi claro o que quería estudar, merquei outro sobre e matriculeime en Filosofía e Letras. É posible que nese cambio de orientación pesase o feito de que tres dos meus amigos -Vicente Araguas, Bernardo Maiz e Santiago Eizaguirre, estudasen alí desde o curso anterior e en Dereito non houbese ningún, mais non o teño moi claro. O caso é que aterrei en Letras e no terceiro curso -os dous primeiros eran comúns- optei por Filoloxía Hispánica. Acabei en xuño de 1973 e tiña previsto facer a tesiña no verán para defendela en outubro, mais decidín demorala ata febreiro, convocatoria na que a defendín nunha aula do mesmo edificio onde estudara. Digo isto, porque lembro que tiven que matriculala e depositar os 5 exemplares esixidos no soto do edificio que se erixira no solar do vello Instituto de secundaria, que un ano despois se converteu no da Facultade de Filoloxía, centro que está, xa que logo, a celebrar o seu cincuentenario. Curiosamente, nese ano comecei a impartir docencia de Lingua Galega no Colexio Universitario da Coruña, adscrito á Universidade de Santiago. Dado que nesa altura residía en Santiago e comecei a facer a tese baixo a dirección do profesor Carvalho Calero, este asignoume un lugar para traballar nunha sala do departamento, instalado xa no novo edificio da Facultade -hoxe é Facultade de Filosofía-, onde permanecería ata 1992, cando se trasladou á Avenida de Castelao, no Campus Norte.


Cando, en 1980, defendín a tese de doutoramento o habitual era que eses actos se celebrasen no Paraninfo da Universidade, sito no edificio onde estudara. Mais coincidiu que alí había outro acto de maior envergadura e a defensa tivo celebrarse nunha aula do edificio da Facultade. Tamén alí cursei e licenciei en Filoloxía Galego-Portuguesa (1979) e impartín varios anos cursos de terceiro ciclo. Isto fai que considere ese edificio, ao pé do Arco de Mazarelos, o da miña Facultade de Filoloxía. No novo, o do barrio de Vite, tiven moita menos actividade. Cando se inaugurou xa existía a Universidade da Coruña, á que quedei adscrito, e por iso as miñas visitas foron para formar parte duns cantos tribunais de teses, tesiñas ou oposicións, asistir a algunhas actividades ou visitar os vellos compañeiros e amigos.


Con todo, nun dos últimos actos aos que acudín, había uns lugares reservados para os membros do Departamento de Filoloxía Galega e Ramón Mariño, o seu director, instoume a sentar alí “porque ti tamén podes ser considerado parte do mesmo”. Agradecino.

 

 

Medio século fixo onte da celebración do Día da Muller Traballadora -e manifesteime, como non?. Nas miñas aulas de estudante predominaban as mulleres. Non así noutras facultades. Hoxe, afortunadamente, xa están en todo tipo de estudos. Imos avanzando.

Medio século

Te puede interesar