A mellor, a da casa

Todo ao grande, como debe de ser para aparentar fartura. En A Cañiza, neste mesmo ano, Alberto fixo o bocadillo máis grande que se coñece no mundo. Era de xamón, tan grande que ninguén era quen de comelo enteiro. A barra de pan medía uns vinte metros de lonxitude e a loncha de xamón, cortada nunha soa peza, superaba esa lonxitude, chegaba para quitar a fame e alimentar a varios famentos. Era máis longa, moito máis, que un día sen pan.


As estadas soportaban a base do bocata e a xente comía , loaba aos promotores e despois, todos para o festexo, para festexar o moito que se come e dicirlle ao mundo que cómpre facer un parón e reflexionar sobre o que sobra, bastante máis do que fai falta. Vostedes, amigos e amigas lectores/as, recordarán perfectamente aqueles bocadillos de mexillóns, de tortilla ou de sardiñas. Aqueles que, ao probalos, entrabas con eles no ceo das alturas.


Alí arriba están agora os de Melide. Fixeron tal proeza que superou ás que se fixeran antes. Cociñaron a tortilla máis grande do mundo. Para darlle a volta foi necesaria a concorrencia de moitos homes e mulleres, de miróns, transportistas, curiosos, romeiros e peregrinos.


Se a tortilla de Betanzos é “moi betanceira”, como betanceiros son os da vila; a de Melide é farturenta, grande como un mundo, con miles de ovos, unhas mil duascentas ducias, un camión de patacas, trescentos litros de aceite para frixilas e sal por moreas. Unha tortilla española que non se fai en calquera tixola. Para volteala, os cociñeiros e axudantes pasaron os seus traballos. E, quen bullaría as patacas?


Agora xa están traballando para, na próxima edición da cociñada, se é posible, agrandala e usar máis quilos de todo e grúas máis potentes, que poidan levantar a tortilla enteira moitos metros de altura, revolvela no aire, pousala no lume e repartila en porcións de tres ou catro euros. Ese día, cando sexa, que ninguén se acorde da fame, como di o refrán, “morra Marta e morra farta”.


Un dos atrancos para que a festa siga ben, pode ser a cebola. A metade do público quere a tortilla con cebola e a outra metade quérea sen cebola. Do queixo e do perexil pódese prescindir, sen máis, pero hai a quen lle gusta moi feita e quen a quere máis crúa. A Tía Manuela é clara, “a mellor tortilla é a da casa”.


A que leva patacas é tortilla española, redonda e do tamaño da tixola. Ten a súa historia escrita con fogóns e carbóns e  pode ter máis ou menos ovos, pero aquí sempre é saborosa, en Betanzos, en Lalín, no Cebreiro e na Fonsagrada; en Navia, en calquera lugar de Ourense ou de Pontevedra e na Cochinchina. A tortilla á francesa é outra cousa. Tamén é de ovos e sérvese enrolada, ou nun prato grande, con forma de media lúa. É delicada, esponxosa e suculenta.

 

A mellor, a da casa

Te puede interesar

Luís Celeiro
Javier García Sánchez
Luís Celeiro
Luís Celeiro
Javier García Sánchez
Luís Celeiro