En relación coa noticia publicada por Diario de Ferrol este mércores na que se facía eco da reclamación do BNG para que se conserven as árbores da avenida de Compostela, quixera sumar a miña voz usando como propias as palabras do mestre e cidadán exemplar Juan García Niebla, a quen por certo a actual corporación municipal acordaba, no pleno celebrado o 27 de xullo de 2023, darlle o seu nome ao colexio público de Pazos.
Proceden dun artigo seu, “La defensa de los árboles”, publicado en El Correo Gallego o 11 de marzo de 1925, e que, por desgraza, recobran unha triste actualidade: “Hay que plantar árboles, sí; pero es tarea urgente defender los que nos quedan, si no queremos pasar por la vergüenza de ver a Galicia, como otras regiones, completamente arruinada en su riqueza arbórea, fuente de toda vida, salud y poesía y arma de toda generosa fecundidad”.
Juan García Niebla foi o pioneiro da Festa da Árbore en Ferrol, celebrada o 9 de marzo de 1913 en San Xoán de Filgueira, e na que se plantaron 200 plátanos. Contando coa axuda dos socios da Mutualidad Infantil del partido ferrolano, fundada na escola pública de Caranza o ano anterior, nenos e nenas das escolas, antigo alumnado, amantes da natureza e diversos concellos, levaron a cabo a colosal tarefa de plantar, ao longo de dez anos, 2.000 árbores, loitando contra a incomprensión social e ás veces contra a ineficacia das autoridades municipais.
Grazas a ese encomiable labor colectivo, a estrada de Serantes e da Cabana, a Feira do Dous, o adro da igrexa de Santa Mariña e a propia estrada da estación, luciron fachendosas eses plátanos, hoxe robustos exemplares e que a ignorancia dalgúns responsables municipais quere talar desapiadadamente sen coñecer que moitos deles contan con máis de cen anos de vida e forman parte do noso patrimonio histórico e natural.
Estou seguro de que, cos medios técnicos cos que hoxe contamos, se poden arranxar as beirarrúas que conducen á estación sen ter que acabar coa vida deses nobres exemplares, únicos e irrepetibles, que pertencen a toda a cidadanía ferrolá. Juan García Niebla agradeceríao.
Guillermo Llorca é historiador e escritor. Autor de “Juan García Niebla: entre a innovación pedagóxica e o compromiso cidadán”