Aqueles que viviron noutros tempos, cando era difícil ter comida, alimentos saudables para toda a familia, non son quen de entender que haxa enfermidades que matan por non querer comer. Na segunda metade do século XIX, William Withey Gull a este non querer ou non poder comer chamoulle anorexia nerviosa e agora, na época de fartura, moita rapazada e tamén persoas adultas sófrena como un mal, mal en toda regra.
Aínda que hai poucos datos sobre esta doenza, este trastorno da conducta alimentaria afecta a moitas persoas, moitas delas –ao parecer– sen diagnosticar e outras sen recoñecer a súa enfermidade, logo sen tratamento e coas portas fechadas á curación. Cando se lle deu nome, afectaba principalmente ás mulleres mozas e agora tamén. Son elas as que presentan unha maior aversión, case irracional, á comida.
Os expertos, científicos e sanitarios láianse pola falta de datos. Hai tan poucos que non se pode estimar con claridade cal é o alcance da doenza. Pero todo parece indicar que son milleiros de persoas as que levan cravada no cerebro a imaxe equivocada do seu corpo mancado.
Segundo datos aportados pola Sociedade Española de Médicos de Familia, o 70% dos adolescentes non se atopan a gusto co seu corpo e seis de cada dez mozas din que serían máis felices se estiveran máis delgadas. As súas nais, pola contra, venas delgadas dabondo. As nais queren que coman para agrandar a súa beleza saudable. Para non correr riscos de enfermidade, para non caer na trapela que vai á fochanca escura.
Os Trastornos de Conducta Alimentaria están entre as enfermidades crónicas máis frecuentes dos adolescentes. O seu tratamento, como di a Tía Manuela, debe estar supervisado polos profesionais da medicina e amparado con receitas de amizade e cariño dende o entorno familiar.
Informacións científicas sobre este tema conxelan o sangue dos lectores, ao saber que o 21% das mulleres e un 15% dos varóns universitarios están en risco de sufrir un trastorno deste tipo. Aí está. Temos diante dos ollos un verdadeiro problema. E, quen o arranxará?
Ao falar de anorexia, sería ben facelo igualmente da bulimia e das súas consecuencias, da gordura anormal ou obesidade, desas patoloxías que poñen o corpo na marxe da normalidade, no punto de mira.