Abreviada coa expresión COP29, o cumio periódico da ONU que reúne líderes mundiais para tratar de frear a emerxencia climática, celébrase nestes días baixo un pesimismo palpable. Hai xa moitos cumes e compromisos incumpridos, e a distancia entre o discurso político e a realidade climática non deixou de medrar. Este ano, os sinais de alarma son abondo clamorosos como para evitar a clásica retórica baleira de promesas, pois a realidade faise presente con impacto devastador; lémbrese o Mediterráneo, e particularmente o Levante español, sufrindo a DINA, unha borrasca de forza descomunal que arrasou vilas, deixou mortos e revelou como a inacción é a verdadeira catástrofe. Hoxe, un clima non hostil é unha utopía que a humanidade parece incapaz de alcanzar.
Porén, entre compromisos tardíos e resistencias cada vez máis alarmantes, as negociacións globais enfróntanse este ano cunha outra sombra, que ameaza non só o clima senón o propio proceso de transición ecolóxica. As recentes eleccións en Estados Unidos anticipan un cambio político que podería paralizar toda esperanza de acción mundial unida. O ideario político da futura presidencia americana non oculta unha postura de posición contraria á “emerxencia climática” que soporta o planeta Terra, e suma ademais unha teimosía por modelos baseados en combustibles fósiles. É parte dunha estratexia de retorno ao modelo neoliberal que suma prioridade ao lucro inmediato sobre calquera outro valor e considera á política ambiental como un lastre que impide o “progreso” e a “liberdade de mercado”. Esta visión pon en risco calquera iniciativa a favor dun planeta habitable.
Estamos diante duna estrutura política global insuficiente para abordar as necesidades dunha realidade climática que non espera. É un fracaso colectivo que apunta a unha conclusión sociolóxica ineludible: o actual sistema económico e político global non é compatible cunha axenda sostible. Mentres as negociacións climáticas continúen baseándose en compromisos non vinculantes e na idea de que cada Estado pode tomar as súas propias decisións a prol da súa economía e dos seus intereses, as solucións seguirán sendo insuficientes e as consecuencias irreparables para o futuro.
A realidade impón unha reflexión profunda porque o tempo esgótase para deter unha crise que xa é unha traxedia en moitas partes do planeta. Esta COP29 debería marcar un cambio de rumbo, pero as expectativas están lonxe da realidade. O proceso global de negociación climática permanece paralizado polos intereses a curto prazo e pola presión das grandes potencias, que seguen encadeadas a modelos económicos nocivos e sen intención real de transformación. Para o mundo, pero tamén desde a percepción galega que vai na preocupación directa pola emerxencia climática, esta postura resulta tanto unha neglixencia como unha ameaza ao futuro de xeracións enteiras. A “negra sombra climática” que se aveciña demanda accións, non so palabra bonitas.