Ollo coas ditaduras

En 1995, nunha viaxe que fixen a Montevideo, Graciela Pereiro, excelente amiga, á que tanto quero, faloume de ir xantar a un dos locais de comidas do Punta Carretas Shopping Center, gran centro comercial inaugurado había uns meses nas vellas instalacións do que desde os primeiros anos do século XX fora centro penitenciario, que, por obsoleto para prisón, deixara de funcionar como tal en 1986.


Estaba, pois, fóra de uso no ano 1989, cando pasei catro inesquecibles meses na capital oriental, impartindo docencia literaria na Facultade de Letras e Ciencias da Universidade da República. A cadea de Punta Carretas tiña sona -máis aló de ter sido importante centro de represión- pola fuga, en setembro de 1971, de máis dun cento de presos políticos, case todos tupamaros. Entre eles tres dos seus máximos dirixentes: Raúl Sendic (“El Bebe”), José Mujica (“Pepe”) -logo presidente do Uruguai- e Eleuterio Fernández Huidobro (“El Ñato”). Este histórico episodio foi levado, por Lauri Fernández e Roy, ao cómic Tupamaros: La Fuga | 1971 (2015).


No ano 1994, pouco antes desa miña visita a Montevideo, aparecera tamén a gravación -en diferentes formatos- La Margarita, contendo 15 dos 25 poemas que conforman o libro de versos de Mauricio Rosencof do mesmo título, musicados por Jaime Roos, quen xa puxera música a outras pezas do escritor de ascendencia polaca, coñecido como o Ruso. Graciela, sempre atenta e detallosa, tivo a ben regalarme unha gravación en cassette, que moito escoitei nos autos de meu que tiñan radio cassette. Atopeino hai uns días, o que me levou a falar hoxe de cousas relacionadas con el. Os sonetos de La Margarita -28 escritos, 25 editados e 15 musicados- creounos Rosencof durante o seu secuestro -no fora nin condenado nin xulgado- nun dos centros de detención clandestino onde, xunto con outros oito dirixentes tupamaros, botou unha ducia de anos en diminutas celas de illamento practicamente total. Nunha entrevista de 1998 dicía isto sobre a composición da obra: “[...] se escribió bajo tierra, en Paso de los Toros, en unos calabozos donde corrían las ratas. Ratas y milicos. Una vuelta irrumpe en el calabozo un milico. ‘Manda preguntar el sargento si usted es el escritor’. Contesté tímidamente bajo la capucha que sí. Entonces dijo: ‘Ordena el sargento que le escriba una carta a la novia’. Así encontré el curro. Porque ellos tenían la orden de no comunicarse con nosotros. Empezaron a pedirme un poema, una carta, se pasó la voz. Hacía acrósticos y ellos me pedían ‘no me hace un acrílico de ésos’. Un poema valía un huevo duro, un soneto dos cigarros y muchas veces los cambiaba por información. A veces les pedía que me dejaran la mina del bolígrafo y así escribí Las Margaritas”.


O poeta narra en primeira persoa unha historia de amor de adolescencia entre o propio narrador protagonista e un personaxe feminino de nome Margarita, que tivo lugar nun barrio montevideano nos anos 40. Pódese escoitar o disco completo, paga a pena, na internet.


La noche de 12 años (2018) é o título dun premiado filme dirixido polo uruguaio Álvaro Brechner, guionizado por el mesmo sobre as Memorias del calabozo (1987), de Rosencof e Eleuterio Fernández Huidobro, e protagonizado por Chino Darín (Rosencof), Antonio de la Torre (Mujica) e Alfonso Tort (Huidobro)

Ollo coas ditaduras

Te puede interesar