Pedestrismo

Lin con fruición no noso Diario a noticia de que o pasado domingo ía ter lugar a Carreira popular de San Xiao que disputa a súa trixésima oitava edición. Boa nova, sen dúbida, e máis aínda, se cadra, en tempos de obrigadas restricións –se é que verdadeiramente queremos acabar dunha vez con esta maldita pandemia coronavírica– como os que corren, é saber que xa está pechada a inscrición, por terse esgotado o límite de 600 participantes. O persoal precisa liberar a mente e esquecer, cando menos temporalmente, a persistente ameaza de contaxio, por esta vía deportiva ou por calquera outra que non implique maiores riscos de contraer a enfermidade.

Carreiras pedestres celebradas baixo o nome de Volta a Ferrol tiveron lugar –non de xeito continuado– desde 1935, organizadas por diferentes institucións, en diferentes formatos, datas do ano e percorridos. Eu lembro cando se celebraban o día de San Xiao, por ter participado nas de 1966 e 1967 –con 15 e 16 anos–, e tiñan a saída e a chegada no Cantón. O que non cambiou foi a ubicación. Sempre foron en Ferrol e non nas quimbambas, como o París-Dakar, por exemplo.


Pedestrismo

Te puede interesar