Políticas e deportes

Están  a ser moi deportivas estas semanas finais da inestable primavera que nos caeu en sorte. Primeiro o campionato de Europa de atletismo celebrado en Roma hai poucos días e agora mesmo, a partir de antonte, a Eurocopa a xogarse en terras alemás. En ambos eventos, botei e estou a botar en falta a presenza da Federación Rusa, unha desas ausencias que, sobre todo no atletismo, lle resta valor á competición.


Os de certa idade lembramos ben as ausencias de diferentes países, por “razóns” político-militares, nos Xogos Olímpicos de Moscú (1980) e de Los Ángeles (1984), que desluciron moi moito as competicións.


Canto ao fútbol non podemos esquecer que foi a selección da desaparecida Unión Soviética a que, en 1960, gañou a primeira edición da daquela denominada Copa de Europa de Nacións, na fase final celebrada en Francia. España quedara fóra, nas eliminatorias de cuartos, debido a que o ditador Franco non permitira a entrada no país da selección soviética. Catro anos despois ambas seleccións puidéronse encontrar na final e España venceu, en Madrid, co célebre gol do amigo Marcelino Martínez Cao.


Logo a selección da URSS sería un par de veces subcampioa (1972 e 1988) e semifinalista en 1968 e, xa como Rusia, en 2008.


Sen restarlle valor ao fútbol ruso, entendo que moito maior, sen dúbida, é a perda pola ausencia no caso do atletismo. Mais, en fin.


É evidente que a política, por moito que se empeñen en querernos facer ver o contrario, está presente no funcionamento do mundo do deporte. Rusia, como invasora de Ucraína, fica fóra das competicións deportivas europeas e internacionais.


Paradoxicamente, Israel, que, ademais de non ser Europa, está a cometer un xenocida masacre na ocupada franxa de Gaza palestina, si. Non hai moito, Estados Unidos, Reino Unido e España invadiron e ocuparon Irak, houbo algún tipo de sanción para as súas seleccións deportivas? Non resulta máis que un tanto rechamante?


Ao tempo, houbo eleccións ao Parlamento europeo, con preocupantes resultados. En Francia, a extrema dereita do Rassemblement National (RN), que preside Marine Le Pen, dobrou en escanos a seguinte forza política e xerou un clima de inestabilidade política e social, que, como non, xa tivo repercusións no mundo do fútbol. A señora Le Pen, como xa fixera seu pai, e o seu partido, teñen mostrado reiteradas veces o seu desacordo coa excesiva presenza de xogadores fillos de inmigrantes, deses que orixinan os males do país. Marine Le Pen, hai unha década, dicía que eran unha caste de rapaces maleducados, que non suscitaban o orgullo nacional e que se burlaban de representar a Francia.


Con eses antecedentes non é de extrañar que un xogador, normalmente calado, como Dembélé xa saíse aos medios pedindo que a xente vaia votar nas próximas lexislativas francesas, non vaia ser que o fascismo se apodere da Asemblea Nacional francesa: “Tomar unha posición? Non é que non queira, mais creo que a situación en Francia... Soou a alarma. Temos que nos mobilizar para ir votar. Temos que nos mobilizar. Todos, ide votar! Achéganse as eleccións lexislativas”.

Políticas e deportes

Te puede interesar