Turismo masificado

O pasado mércores no ciclo de “Conversas no Parador” que organiza o Club de Prensa de Ferrol estivo Pablo Moreda, alcalde de Cedeira, que veu falar da asociación “Xeoparque  Cabo Ortegal” da que é presidente, unha paraxe que abrangue varios municipios e que se pretende por en valor pola súa inxente importancia xeolóxica, paisaxística e a riqueza da súa flora e fauna. Empresa sen dúbida loable que precisa do consenso dos diferentes municipios  nos que se introduce este parque integrado na rede da UNESCO. Acordo que semella estar acadado. Pero todo iso como se pode complementar co turismo, sobre todo co  insostible, invasor e depredador que parece imperar nos últimos tempos? Tarefa pouco doada porque habería que lexislar ao respecto, cousa que de momento non se fixo. Por exemplo: dicía Juan Rodriguez Silvar da SGHN que a Serra da Capelada é unha paraxe cunha flora e fauna moi característica e que hai un tipo de flores que só se dan aí. Se abrimos esa contorna a rutas de sendeirismo masivo, posiblemente as flores desaparecerían. Patrimonio en perigo diante da masificación turística. Un motivo para reflexionar.


Somos unha especie ocupante, quizais a especie máis invasora que existe e deberíamos ter coidado á hora de poñer límites aos efectos prexudiciais que provocan os movementos en masa. Non se trata de poñer portas ao monte e si de regularizar en certa medida ese aluvión de xente  que moitas veces o que fai é complicar o normal desenvolvemento da vida dos cidadáns residentes nas localidades nas que se masifica o turismo. Un amigo que vive en Ares dicíame que por este camiño tiña medo que esa vila morrera de éxito: xa se constrúen apartamentos turísticos, os alugueiros de vivenda en xeral polas nubes e en tempada alta resulta incómodo andar pola vila pois triplícase o número de habitantes. Como é posible equilibrar os intereses dos residentes habituais cos dos visitantes temporais? O caso é que unha vez que a cousa toma entidade, colle peso, xa é francamente difícil dar marcha atrás.


As comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal son depositarias de lugares marabillosos que merecerían estaren en permanente estado de revista, mimados e coidados. Para iso son necesarias dotacións orzamentarias e vontade nese compromiso. Para pedir que a cidadanía participe no loable empeño de conservar este tesouro patrimonial é preciso a educación cívica, outro elemento intanxíbel que conviña poñer ao día. Manter o equilibrio entre o patrimonio e o turismo masificado non é doado pero habería que intentalo. Abofé.

Turismo masificado

Te puede interesar