Penoso e triste pareceume o espectáculo que ofreceron este mércores pasado as gradas do Bernabeu, no partido contra o Chelsea, aplaudindo con intensidade ao seu xogador Federico Valverde e exhibindo algunha pancarta de apoio.
É evidente que un espectáculo así non se improvisa. Está, parece obvio, preparado de antemán. Preparación que non é, non pode selo de ningunha maneira, realizada á marxe do club, porque as pancartas non se meten así como así en ningún recinto deportivo. E no Bernabeu puidemos ver unha faixa, non precisamente pequena -como para poder levala agachada debaixo dunha prenda de abrigo-, na que se podía ler: “Fede, tu puño nos señala el camino...”. Ao meu entender, ese texto incita claramente á violencia, seméllame que non encaixa aló moi ben nas operacións de antiviolencia no deporte ás que con frecuencia asistimos. Sen ir máis lonxe, esta mesma tarde vaise despregar un importante operativo de seguridade na Malata, tendente a impedir calquera tipo de incidente, antes, durante e despois do partido entre o Racing e o Deportivo. É un encontro de rivalidade histórica, vai haber unha importante asistencia de siareiros coruñeses e neses casos xa que sabe que pode aparecer alguén con máis ganas de alboroto que de ver fútbol e cómpre tomar precaucións.
Deixarán entrar alguén cunha pancarta da liña textual da de “Fede, tu puño nos señala el camino...”? Entendo que non. Ese tipo de frase, ademais, parece moi do Bernabeu. Hai 12 anos, despois de que no partido Barça-Real Madrid, xogado no Camp Nou, Mourinho lle metera un dedo nun ollo ao desaparecido Tito Vilanova, aparecera unha pancarta con este texto: “Mou, tu dedo nos señala el camino”. Vén sendo o mesmo, non? Un apoio a un dedo, a un puño, en definitiva, a unha agresión e a un agresor, que resulta un tanto contraditorio con algún que outro anaco da letra do himno do Real Madrid, ese que se escoita pola megafonía e cantan parte dos asistentes: “noble y bélico adalid / caballero del honor”, “enemigo en la contienda / cuando pierde da la mano”. Fala de dar a má, non o puño nin o dedo sinaladores de camiños.
Poderíase argumentar que o asunto das pancartas é cousa duns cantos, mais o argumento xa non vale para xustificar as masivas voces que corearon o nome do xogador autor dunha agresión, recoñecida por el mesmo. Esa é a masa social do Real Madrid, dese que se di “caballero del honor”. Canto honor andar a puñadas, cal nenos ou adolescentes.
E non valen as excusas de provocacións previas, máxime no transcurso dun partido. Puido haber palabras? Podería, mais estou convencido de que en ningún caso o xogador do Villarreal dixo o que lle apoñen. E non porque diga el que non o dixo, senón porque iso non se lle pode ocurrir dicilo a ninguén, e menos correndo detrás dunha pelota.
Coincidín con Valverde na grada de Riazor -sentaba diante de nós cando non ía convocado e mesmo meu neto maior fixo algunha foto con el- e tiña unha boa imaxe del, mais... Non pediu desculpas ao agredido e iso... E o de meter a muller polo medio... En fin. Andar pegando por aí non pode saír gratis.
E para esta tarde nada de violencia e, como sempre, Forza Racing!!!