Segundo os datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), as persoas ocupadas (traballadoras) en 2024 superaron os vinte e un millóns, unha cifra que se pensaba inalcanzable, pero que aí está, para darlle lustre á acción dos responsables de crear emprego. En base a estes datos oficias, presentados con bombo e pratos sonoros, e cun par de simples operacións, calquera pode ver o enorme gasto na redución de media hora de traballo cada día.
Un xestor autónomo co seu lapis de carpinteiro na man dereita e unha táboa pulida suxeitada coa esquerda, facía as contas desta maneira: con once meses de traballo cada ano e vinte e dous días laborables ao mes, cada traballador reduciría 120 horas por ano e os vinte e un millóns de traballadores reducirían 2.520 millóns de horas.
Moitos cartos. Se se valora unha hora de traballo a dez euros, serían 25.200 millóns de euros cada ano, unha cifra que fai calar a calquera, mentres repenican as campás de tódalas igrexas, co seu badalo pendurado; zoa o vento do sur e bruan os bois de pura raza galega, alí, na corte do medio.
Quen pretende reducir a xornada laboral está buscando animadoras para a distracción, entretemento e diversión delas e deles. Efectivamente hai que proporcionar á cidadanía preparación adecuada para o consumo de ocio, para ter algo que facer, para aguantar as ganas de tirar e seguir tirando para adiante, sen derrubarse nas proximidades de cadaquén, no foso escuro onde caen os parados, os que traballan e non gañan, os fixos descontinuos, os que buscan pan e salario, os que pretenden encher o tempo con actividades de tempo libre.
Ao parecer, no ano 2023, a xuventude destinou algo más dun terzo do seu orzamento a partidas relacionadas con desprazamentos, tempo libre e ocio, moito más que á cultura. O informe do Banco de España indica claramente que a riqueza neta por parte da mocidade é menor que a dos seus homólogos de xeracións anteriores.
Pero o traballo é traballo e as axudas ou subvencións, como di a Tía Manuela, “son pan para hoxe e fame para mañá”. A sociedade debería defender e seguir o ditame da Organización Internacional do Traballo (OIT), impulsar a xustiza social e promover o traballo decente, os salarios xustos e protección social para todos.