O Teatro da Beneficencia acolleu onte a presentación oficial do cartel do vindeiro Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que terá lugar entre o 9 e o 13 de xullo. É obra da ilustradora e veciña de Espasante Mónica Fustes, quen homenaxeou “desde o cariño e a experiencia persoal” ao festival e á Escola de Gaitas, que celebra ademais este ano o seu quincuaxésimo aniversario.
Fustes incluíu á comunidade no cartel a través dunha enquisa que realizou nas redes sociais, na que preguntou polo significado do Festival, cuxo resultado foi a incorporación no mesmo de palabras representativas das Nacións Celtas; orgullo, respeto, amizade, raíces, liberdade e música –en diversas linguas–.
No acto, no que tamén se proxectou un vídeo cun avance da programación deste 2025, tomaron parte tamén o alcalde, Valentín Calvín; o director do Festival, Alberto Balboa; o presidente da escola de gaitas, Bruno Lozano; e os directores do LAB –Laboratorio de Cantigas Novas– que se iniciará nos próximos meses, Óscar Górriz e Ugía Pedreira.
A próxima edición contará cun día máis para dar cabida a actividades especiais en homenaxe á Escola de Gaitas, tal e como avanzou Lozano, que mencionou a participación das bandas Xarabal, Lembranza Solpor (Galicia), Villa Mieres e Grupo Folcroricu Prau Llerón (Asturias), así como Kevrenn Breiz Sant Mark (Bretaña).
Namentres, Pedreira e Górriz explicaron que o Laboratorio de Cantigas Novas porá o foco na creación autoral, individual e colectiva, a partir da tradición oral galega “e coa vista posta na contemporaneidade”.
A proposta está aberta a toda persoa maior de idade interesada na composición lírica e o uso artístico da lingua galega. Contará con prazas limitadas (25) e unha duración de doce sesións –sábados alternos desde marzo a xullo–. O custo é de 200 euros e incluirá clases maxistrais de varios artistas. Aqueles que queiran anotarse poden facelo desde hoxe e ata o 24 de febreiro, enviando nome completo e número de teléfono ao enderezo lab@festivaldeortigueira.com.
Pola súa banda, Balboa destacou os aspectos artísticos e musicais da edición de 2025, avanzando que sobre as táboas do escenario ortigueirés estarán, entre outros, Alana, Buíoch, Gwendal, Milladoiro, La Bottine Souriante, Dallahan, Flook –seu 30 aniversario sobre os escenarios–, Tiruleque, Tejedor, Boj e, por suposto, a Escola de Gaitas de Ortigueira.
O rexedor foi o encargado de pechar o acto de presentación, remarcando que o Festival estará unha vez máis “cargado de música, cultura, actividades e cun cartel dos máis sentidos e emotivos que tivo na súa historia, e que volverá a distinguir a Ortigueira como capital mundial do Folk”.
Calvín agradeceu, tamén, o labor “de todos os involucrados que fan posible este evento único”, facendo referencia, entre outros, aos patrocinadores –públicos e privados–, e aos técnicos e traballadores do Concello. “Tampouco me cansarei nunca de agradecer á Escola de Gaitas de Ortigueira o seu labor ano tras ano, e neste ano tan especial para a súa historia, que é a historia do Festival. E, por suposto, a todo o pobo (...) polo seu esforzo en que cada edición sexa mellor que a anterior”. aseverou.