A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros visitou –acompañada do alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e do director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana– as instalacións do CEIP Couceiro Freijomil e do IES Breamo, nos que o goberno galego está a acometer obras de acondicionamento por valor de máis de 118.000 euros. No primeiro dos casos, a intervención consistiu na substitución da cuberta da zona de Educación Infantil (14.170 euros), unhas tarefas que se executaron durante o verán.
Pola súa banda, no instituto culminaron tamén recentemente os traballos para o cambio das ventás da fachada sur do centro, así como as de impermeabilización da zona sobre o cadro eléctrico (46.344 euros).
Ademais, desde a Xunta informan de que esta semana deron comezo as obras de pavimentación con formigón pulido do acceso ás instalacións pola zona sur, “unha intervención que pretende mellorar a accesibilidade eliminando os desniveis existentes ata o momento, co fin de facilitar o paso das persoas con problemas de mobilidade”, indican desde a Delegación territorial, apuntando que, neste caso, o importe ascendeu a 24.600 euros.
As intervencións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha folla de ruta para modernizar este tipo de instalacións, que en Ferrolterra recolle actuacións por valor de 14,3 millóns de euros.
“O compromiso do goberno galego pasa tamén por ofrecer uns centros educativos que ofrezan espazos confortables, seguros e accesibles nos que os escolares podan desenvolver a súa aprendizaxe”, aseverou.
Aneiros visitou tamén o establecemento téxtil Duende, un dos arredor de 30 negocios de Pontedeume adheridos ata o momento á campaña do Bono Activa Comercio. A delegada territorial da Xunta animou á veciñanza a sumarse a esta iniciativa, na que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de sumar 2,5 millóns ao orzamento.
“Cando o importe total dos descontos realizados alcance esa cifra coa que se dota esta ampliación, os bonos que se teñan descargado xa non se poderán empegar”, recordou.