O movemento asociativo de Fene acaba de facer público o seu malestar co gallo da celebración do Centenario da Confraría de Barallobre. Así, precisan que "queremos, en primeiro lugar, aclarar que a Festa Mariñeira de Barallobre que está a organizar a Confraría para o vindeiro fin de semana NADA que ver coa Festa Mariñeira que o Concello, e o movemento asociativo de Fene, organizan conxuntamente dende o ano 2014 en que se nos pedíu colaboración para esta actividade. Aseguran que "as Sociedades participantes vimos esforzándomos para dar o mellor do noso saber facer e conseguir que esta festa sexa o éxito". Precisan que "a exaltación do produto local entendímolo como un imprescindible para o desenvolvemento da festa e fixemos del a nosa bandeira; por iso coidamos as nosas elaboracións ata o milímetro, anovando de ano en ano e mellorando ata completar 22 propostas culinarias". Mariscos e outros materiais do mar mercados á Confraría de Barallobre ata que, o pasado ano, "decidiron esixir que tiñamos que mercar todo o material que precisaramos e que, en caso contrario, non nos habían vender nada", algo que tilda de "chantaxe en toda regra que o Patrón Maior nos chantou como un ultimatum na última das reunións". Sobre a cuestión engaden que "obviamente non nos dobramos á chantaxe porque esta era a última das mañas ás que nos tiñan afeitos.Tódalas reunións coa direción da Confraría eran un tira e afrouxa imposible. Nunca entenderon a nosa necesidade de mercar a demanda, segundo foramos precisando o material. Iso era imprescindible para nós, non somos restaurantes e non podemos facernos cun stock que non sabemos se imos utilizar ou non", precian. Desde as asociacións fenesas engaden que desde a rula "nunca entenderon que precisaramos acordar un prezo do material para poder facer as nosas contas e calibrar as nosas economías, non somos empresas". Tamén sosteñen que "nunca fixeron ningún esforzo por apoiar a Festa, nin rebaixando prezos nin aportando material como contribución á festa, como ocorre noutras celebracións deste tipo". Por elo entenden que a "falta de colaboración chegou ao extremo de que un ano pecharon o local da Confraría ao mediodía, impedindo que puidésemos aprovisionármonos de marisco ata a tarde, xusto no momento en que máis movemento había na Festa". Así, sinalan que os da cofradía "estaban na organización pero non se lles notaba a súa participación e o que si evidenciaba a súa actitude era que había gañas de eliminármonos da ecuación e facer desta festa a súa festa, sin as sociedades nin o Concello". Por todo o sinalado, este ano "foron quen de facer que a Festa Mariñeira do Concello de Fene non se celebre, primeiro facendo a convocatoria con nocturnidade, sen avisar a ninguén, nin contar con ninguén, dunha festa gastronómica similar a que o Concello e as sociedades, e tamén eles, levamos facendo dende 2014". Explican que o que acontece é algo que poden facer, por suposto, "pero na súa proposta hai absoluta trapacería, unha convocatoria quince días antes que a habitual de setembro do Concello, con similar infraestructura e pratos similares, algo que non parece casualidade. Sinalan ademáis que a pesar "do cheirume a traizón e a plaxio", as Sociedades entenderon que celebrar un centenario "merecía que lles ofreceramos a nosa colaboración para o desenvolvemento da festa, e fixémolo e o Concello fíxolles chegar a nosa proposta de cociñar na celebración como facemos na auténtica Festa Mariñeira , pero esta proposta nunca tivo contestación". Así, lamentan que "con estes vimbios era compricado afrontar a organización da nosa Festa en setembro, malia todo, démoslle unha volta e decidimos tirar para adiante e pedímoslle ao Concello que celebrase a Festa Mariñeira, a de verdade, coas Sociedades ao seu carón e non enfronte". Pero, segundo denuncian aquí veu un novo revés para eles, xa que Portos de Galicia contestou desaforablemente a semana pasada sobre a súa solicitude de uso do Peirao de Barallobre o día 2 de setembro para a Festa Mariñeira do ano 2023. O motivo é que nesa data a Confraría vai celebrar unha festa de exaltación da ostra plana e rizada. O colectivo coida que iso non é casualidade, máis ben pensan que hai grandes doses de "alevosía, premeditación e algún agravante máis, xa que logo non haberá este ano Festa Mariñeira". Así lamentan desde o tecido social fenés que "conseguiron o que pretendían, cargarse a Festa do Concello, unha festa que apoiaron e organizaron tódolos grupos políticos que pasaron pola Corporación". Así mesmo, engaden que "estamos seguros que a meirande parte das persoas que forman parte da Confraría non sabe nada deste `culebrón´, estamos convencidos de que se lles transmite que só pretendemos lucrarnos coa festa e que estamos en contra deles, nada máis lonxe da realidade, xa que o noso traballo arreo polo éxito de tódalas edicións da Festa Mariñeira, algo que ninguén pode negar, amosa ás claras que apoiamos o traballo da Confraría e das persoas que a compoñen e, como non pode ser doutro xeito, da riqueza da nosa ría". Así, engaden que "non temos dúbidas de que a festa será un éxito de participación e organización, non dubidamos de que as subvencións obtidas para a súa organización serán utilizadas convintemente, non temos dúbidas de que o marisco utilizado será TODO da nosa ría pero, parafraseando a Don Miguel de Unamuno, "Vencerán pero non convencerán e fará vostede, señor patrón maior, unha Festa en Barallobre, pero non é a MARIÑEIRA". Reza o comunicado.