A Gramola Gominola e Beret, propostas deste xoves nas festas

A Gramola Gominola e Beret, propostas deste xoves nas festas
Concerto de Fillas de Cassandra | Emilio Cortizas

O concerto de Fillas de Cassandra ateigou de público onte a Praza de Armas, na que hoxe continúan as festas de Ferrol coa actuación de Beret. Non obstante, antes celebrarase a primeira proposta infantil das tres que inclúe o programa, así como outra proposta musical a pé de rúa da man de La Indirigible.


As versións de indie-rock dende os anos 2000 até hoxe resoarán pola rúa da Magdalena a partir das 20.00 horas, cando dará comezo o concerto de La indirigible. Trátase dunha proposta que se deslocaliza do escenario principal da Praza de Armas, que volverá a encherse de público, atraído pola música de Beret ás 22.00.


Fillas de Cassandra actuou por segundo ano consecutivo nas festas da cidade, despois dunha estrea que coincidiu con chuvia. Esta vez o tempo acompañou a que o público disfrutase dende o principio da actuación.


Esta comezou a ritmo de manifesto para ir subindo a enerxía até revolucionar aos asistentes cun dos seus temas estrela, “V. As Moiras”, para continuar con outros éxitos como “II. Lisístrata” e “Tataravoa”, un tema na honra das antepasadas co que fixeron a berrar á praza enteira.

 

Citas para toda a familia

Despois da Fiesta del Grumete, que se celebrou este mes no peirao de Curuxeiras, o público infantil volve ser hoxe, ás 12.00 horas no parque Raíña Sofía, protagonista da actividade cultural do municipio. Tal e como avanzou o Concelleiro de Festas, Arán López, esta proposta consistirá na actuación da Gramola Gominola, que ofrecerá un concerto de rock para toda a familia.


A segunda parte do programa das festas que se dedica en particular aos nenos e nenas, será o cine ao aire libre que tamén se realizará no Raíña Sofía, o xoves 29, con cadeiras a disposición do público, aínda que nesta ocasión en horario nocturno, ás 21.30. O film que se proxectará é “Super Mario Bros” e os espectadores poderán degustar, totalmente de balde, de flocos de millo.


O evento estrela, segundo definiu López polo éxito do ano pasado, chegará no peche da programación, o sábado 31. Trátase do festexo infantil Fin de Verán que, de 16.30 a 20.30 horas, encherá a avenida de Esteiro de propostas como hinchables secos e húmidos, karts, ximcanas,  touro mecánico, ludoteca para bebés e festas da escuma e Holi. 

A Gramola Gominola e Beret, propostas deste xoves nas festas

Te puede interesar