O goberno municipal de San Sadurniño vén de abrir as listas para os interesados en participar nas súas escolas culturais e nos grupos de ximnasia de mantemento. As persoas que xa realizaron as primeiras preinscricións deberán formalizar a matrícula e pagar a taxa correspondente. Á marxe do Concello, tamén ofrecen actividades os colectivos veciñais.
Cando se abriron as inscricións a semana pasada, xa se contaba con 110 candidatos para as distintas disciplinas das escolas municipais, un número que poderá incrementarse ao longo deste trimestre. As prazas confirmaranse coa entrega dun documento no rexistro ou a través da sede electrónica e nese momento tamén se aboará o importe.
A especialidade máis solicitada foi ximnasia, con 40 anotados, que se realizará todos os días da semana para abarcar os territorios de Naraío, Lamas, Igrexafeita, San Sadurniño e Santa Mariña, nun inicio, cos mesmos horarios que o ano pasado. Na cifra de participantes seguen as sesións de música moderna, con 31 persoas, que se impartirán na Casa da Xuventude. Neste caso, dende a concellería solicitan que aínda non realicen o pagamento nin formalicen a matrícula, dado que hai aspectos por definir que previsiblemente se aclaren nunha xuntanza cos inscritos nesta mesma semana.
Ademais, o consistorio ofrece as disciplinas de gaita, os martes, e pandeireta, os mércores, con clases de iniciación e perfeccionamento. En relación con estas aulas, tamén se oferta baile tradicional, que se practicará os xoves na Casa da Cultura. Aparte das clases municipais, o grupo de cantos de taberna ensaia de forma autónoma, os xoves na Casa da Xuventude. Os interesados deben contactar con Amparo Calvo no 687 535 344.
A maiores, un total de sete disciplinas son proposta da asociación cultural Brío, comezando por patinaxe, os luns. Os martes ofertan inglés; os xoves, o curso teatral “Historias en escena”, a cargo do actor Kevin Lorenzo; os venres, danza moderna, hip-hop e bailes latinos, e os sábados, debuxo. Para anotarse ou solicitar información, cómpre contactar a través do correo electrónico briodanza09@gmail.com ou mensaxe de Facebook.