Coincidindo coa celebración do Pantín Classic, o Concello de Valdoviño inaugura unha mostra nas inmediacións da caseta de socorrismo do arenal, como parte do proxecto “Ondas de sabor”, unha iniciativa que conta coa axuda económica do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do grupo de Acción Local A Mariña-Ortegal.
O proxecto busca a promoción do consumo de percebe e bilvalvos do municipio e a exposición é só unha das propostas que o Concello ten en previsión para dar visibilidade e recoñecemento aos produtos locais, ao medio mariño e aos seus recursos nesta zona.
A mostra, que permanecerá exposta en tanto dure o certamen surfista Pantin Classic, conta con oito paneis informativos sobre catro grandes temáticas: os elementos que dan identidade ao litoral, a formación das ondas, as características principais dos percebes desta zona e os bivalvos que podemos atopar.
Danse, deste xeito, a coñecer os elementos máis destacables do litoral –tales coma o faro da Frouxeira, que celebra o seu 30 aniversario este ano–, os factores que inflúen na formación das ondas para que as praias do municipio de Valdoviño sexan auténticas fábricas de olas ou as características principais do marisco que se extrae na zona e as particularidades que marcan a súa calidade.