Fernan do Lago, xograr galego que segundo a hipótese do historiador António Resende de Oliveira desenvolveu a súa actividade a medidados do século XIII, inspirouse na ermida da Virxe do Porto –parroquia de Meirás, Valdoviño– para crear unha das súas composicións, concretamente, unha cantiga de romaría ou tamén coñecida como de santuario.
Así se desprende da ferramenta interactiva creada no marco dun innovador proxecto colaborativo das universidades de Santiago de Compostela e de Carolina do Leste (EEUU), dispoñible en tres idiomas –galego, castelán e inglés–.
O mapa permite xeolocalizar os 69 espazos que inspiraron estas composicións medievais, entre os que se atopa o templo valdoviñés –único na provincia da Coruña–.
Ademais de achalos, esta interface recolle información sobre os textos orixinais onde aparecen as cantigas, datos sobre a historia dos espazos e fotografías actuais dos mesmos.
As cantigas de romaría considéranse un subxénero das máis coñecidas cantigas de amigo, parte fundamental, xunto coas de amor e as d’escarnio e maldizer, da lírica galego-portuguesa, conservadas en fontes como os cancioneiros da Biblioteca Nacional de Portugal ou a Biblioteca Vaticana.
Estas composicións evocan un pasado ligado á devoción relixiosa e ás festas populares, reflictindo unha tradición que pervive nos nosos días en moitos festexos patronais –tal e como acontece na ermida valdoviñesa cada 11 de xullo, cando se saca a imaxe en procesión–.
A plataforma recolle información sobre os textos orixinais así como datos sobre a historia dos espazos
Esta plataforma dixital –unha colección de Mercedes Brea, Juan Escourido e Pilar Lorenzo Gradín– nace, así mesmo, no marco dun proxecto do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades sobre a lírica galego-portuguesa e pretende converterse nunha axuda máis –para investigadores, estudantes ou docentes– de cara á preservación e análise do patrimonio cultural.
Ademais do mapa interactivo, os interesados poden atopar nesta plataforma os datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa MedDB, así coma unha bibliografía de referencia.
Á capela valdoviñesa, coñecida tamén como a de Nosa Señora do Mar ou Virxe do Porto,
soamente se pode acceder coa marea baixa por medio dunha empinada escaleira desde a praia.
Trátase dun dos lugares máis fotografados nos días de temporal, cando as ondan baten con forza nas rochas, nun espectáculo da natureza que encandilou ao director de cine Roman Polanski para rodar, nesta contorna próxima ao Faro de Punta Frouxeira, algunhas das escenas do seu filme “La muerte y la doncella” (1994).
“D’ ir a Santa Maria do Lagu’ ei gram sabor
e pero non irei alá, se ant’ i non fôr,
irmãa, o meu amigo”,
recolle a primeira das catro estrofas da cantiga de romaría inspirada nesta ermida.