A compañía Tarabela Creativa será a encargada de realizar a proposta desta semana, enmarcada no ciclo “Ven o Venres”, ás 20.30 horas no auditorio municipal de Valdoviño. A obra será “Boa sorte, mala fama”, unha traxicomedia que conta a historia máis “incómoda” da emigración galega.
Coma no resto das funcións que ofrece este programa, a entrada á representación, que conta co apoio da rede cultural da Deputación, é de balde até completar o aforo. Trátase dunha proposta que percorre distintas épocas da historia.
O grupo utilizará tres disciplinas diferentes para a montaxe. Así, recórrese á narración oral como fío condutor, que se complementará con música en vivo para facilitar a inmersión nas realidades e sensacións que se evocan, así como a interpretación actoral, que materializa as palabras en corpos, traballando a metáfora do espello e do reflexo como leit motiv.