Foise, coa súa maleta medio baleira, para onde estaba a Carmiña da Rodeira, unha amiga cuns meses de traballo na casa duns ricos venezolanos que vivían preto da praza Bolívar, no mesmo centro histórico de Caracas. Non tiña certeza de nada, despois de cruzar Galicia dende o nacente ao poñente, chegou a Vigo xa mareada, embarcou naquel enorme transatlántico con moita xente como ela, tan ignorante como ela e igualmente maltratada polos axentes comerciais do abuso e do roubo aos necesitados, aos que querían buscar o pan do outro lado do mar. Do outro lado dese océano Atlántico que tantas bágoas e tantas emocións da nosa xente chupou. Daquela xente que fuxía da miseria e ía sen papeis e/ou, moitas veces, con eles falsificados polos que facían diñeiro co calote e o engano.
A miseria dos emigrantes e dos seus pobos, de tódolos tempos, é como unha enfermidade social que afecta directamente á alma de cadaquén, igual que outras enfermidades do cerebro como a do Alzheimer, que tal como indica Juan Lerma Gómez, prestixioso investigador e especialista na análise das bases moleculares da comunicación neuronal, borra a memoria e a historia do paciente ata conseguir a perda absoluta da súa identidade, ata que deixa de ser el.
Federica foise, dixen, para onde estaba Carmiña. Coa maleta na cabeza e durmindo sentada na maleta, pasou varios días polas rúas de Caracas ata chegar a onde a veciña. Os seus ollos eran como pratos, como faros luminosos e receptivos que falaban, escoitaban e daban luz.
Era cando comezaba a gobernar o país o ditador Marcos Pérez Jiménez, cando as explotacións petrolíferas reavivaban a economía e se abrían as porta para que entrara man de obra barata e, a poder ser, de calidade.
Agora, despois dunha vida de traballo, segue chorando, con mágoa e con tristura, por Carmiña, ‘a venezolana’, que volve ser tan pobre como as dúas foran, e os seus ollos, que tamén eran como pratos, seguen na loita e na procura do futuro para as tres netas. Elas e a Tía Manuela saben que moitas veces o camiño non ten retorno, por iso escolleron e seguen o da humildade, onde permanecen concentradas as súas grandes virtudes, entre elas, dignidade, modestia, tolerancia, xenerosidade e compromiso.