O teatro Jofre viviu onte unha intensa e produtiva xornada parlamentar arredor do tema da igualdade entre os individuos da man dos 77 estudantes de 3º e 4º de ESO e de Bacharelato que tomaron parte na fase zonal da cuarta edición do Club de Debate.
Nove equipos de cinco centros educativos de Ferrol (dous da Compañía de María e un do IES Leixa), Carballo (con dous formacións do IES Alfredo Brañas e un do Isidro Parga Pondal) e Negreira (que estivo representado por tres grupos do IES Xulián Magariños) medíronse entre si nun total de nove enfrontamentos celebrados en xornada de mañá e tarde.
Nas súas intervencións, os rapaces tiveron que defender as posturas a favor ou en contra do tema elixido nesta edición, que tivo como punto de partida a frase “Todas e todos somos iguais ante a lei”.
A victoria final foi para un dos equipos do Xulián Magariños, que ademais de levar un premio de 500 euros, acada así o pase á final autonómica prevista para o 26 de abril no Concello de Carballo. Alí tamén estará o segundo clasificado desta fase zonal, precisamente o grupo do IES Parga Pondal, ao que se lle entregou un premio de 300 euros.
clasificación
Estas dúas formacións de estudantes competirán así na gran fase galega cos dous primeiros clasificados das outras dúas competicións zonais, á que reúne aos participantes de Ames, Rois e Santiago, por unha banda, e os de O Carballiño e Pontevedra por outra.
O xurado encargado de resolver o encontro estivo formado por Adela Pita (técnica de Normalización Lingüística do Concello de Narón); Sara Pino (do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña); Breogán Xuncal (empresario do sector de Comunicación en Carballo); Olaia Liñares (xornalista); e Luz Zas (profesora de Lingüística na Universidade de Santiago de Compostela).
O Club de Debate é unha iniciativa promovida desde as áreas de Normalización Lingüística de varios concellos, nove nesta ocasión.
esforzo
O obxectivo é fomentar o emprego da lingua galega entre a mocidade a través dunha visión “moderna, afable e útil, reforzando a súa estima”. A iniciativa agocha, tras os propios debates, un inxente traballo previo por parte dos alumnos e profesores implicados na actividade.
O labor de recollida de información e documentación, a capacidade de valorar un mesmo tema desde a perspectiva tanto a favor como en contra así como dominar as estratexias de oratoria e comunicación para enfrontarse a un discurso público son algunhas das cuestións nas que os participantes veñen invertindo horas de traballo nos últimos meses.
Un esforzo que onte traduciuse nas excelentes intervencións e reflexións duns rapaces que, á marxe dos resultados, amosaron unha gran capacidade de reflexión sobre cuestións de actualidade.