Roger de Flor explora de novo a súa vertente máis íntima no disco “Apelón”

Roger de Flor explora de novo a súa vertente máis íntima no disco “Apelón”
Diario de Ferrol-2016-01-07-013-1859d716_1

O novo disco de Roger de Flor recibe ó oínte cunha capa na que o músico e compositor canta diante dunha lareira. Ese ambiente de lume e sombras, creado nunha casa de Mugardos na que residiu durante unha tempada, reflíctese neste traballo (ubicada na rúa que lle dá nome, “Apelón”), no que o fenés regresa á súa vertente máis persoal logo da aventura lúdica e despreocupada coa banda Os Silvestres. Aquí volca De Flor as experiencias acumuladas para renderse ó amor e ó desamor, á amizade e a unha evolución cara a “pequenas doses de misticismo e poesía”, como el mesmo explica.
E é que a poesía callou en De Flor, impactado recentemente polos versos do londinense William Blake. “Caeu un libro del nas miñas mans, nunha edición bilingüe, e segundo lía en inglés víñame a música á cabeza. Entón fixen dous temas”, explica. Despois, durante unha viaxe por Francia e Italia de máis dun mes conseguiu unha antoloxía, “retomeino e a música seguía aí”. Así que completou 24 temas nun mes, “nun proceso bastante máxico”. Desta explosión creativa só avanza un tema no seu novo disco, “Spring”, como apertivo do que virá.
Os coñecedores do traballo de Roger de Flor atoparán tamén a canción “Ferrol Vello”, a adaptación que fixo do tema de Ewan McColl “Dirty Old Town”, que incluso ten un vídeo centrado no barrio no que lanza unha mensaxe de esperanza no medio da ruína. A inclusión é ademais un guiño a Os Silvestres.
Outro pequeno agasallo é a versión do tema “The Wind”, de Cat Stevens, que hai que buscar oculta ó final de todo o listado de cancións. Este “A néboa” ten un significado especial porque a adaptación é obra de Adán Arias, irmán de Roger que se subirá ó escenario por primeira vez despois de vinte anos, “a pesar de que foi el o responsable de que eu collera por primeira vez unha guitarra”.
Pero o talento familiar non se esgota aí e Amparo Arias, tamén irmá, firma con De Flor a canción que abre o disco, “Estoupará”, e cantará con el algúns dos temas no concerto de presentación do que se poderá gozar o sábado, a partir das oito da tarde, no Torrente Ballester. As entradas están á venda na taquilla do Jofre (tamén a través de www.ferrol.es/jofre) a un prezo de seis euros (inclúe o disco).
No concerto tocarán distintas formacións, con temas nun formato máis axeitado á banda (Alvarito Lamas na steel guitar, Javier Polo no baixo e Sergio Galego coa batería), o toque swing que poñen De Flor e Cabe coa guitarra ou o encanto do ritmo brasileiro que aporta a cantante EugeNia Sanmartín.
Roger de Flor segue a rodearse de amigos que son á vez grandes músicos para dar forma ós seus discos. “Hai algúns que repiten desde hai anos pero a maiores conto con xente como Chalie Misterioso, do grupo madrileño Os Caramelos, ou con Javier Polo, do The Winner Is, que virá o sábado a propósito a tocar”.

Tres anos de música 
As cancións de “Apelón” xurdiron ó longo dos últimos tres anos e finalmente Roger de Flor atopou unha coherencia entre algunhas delas “e vin que había aí un disco novo”. Teñen en común o estar compostos na súa maioría en Mugardos “e que é un pouco volver á miña faceta máis persoaL e íntima, aínda que con máis aperturismo porque introduzo catro idiomas e introduzo tamén unha parte poética”. Tamén os temas se identifican coas teimas de De Flor e entre as cancións figuran cantos de amor a “Marta” e un tema en italiano especialmente dedicado a Giulia. Esta “Canzone per Giulia” compúxoa durante a súa viaxe italiana, mentres estaba en Módena pasando uns días en casa duns amigos. Era ela unha persoa moi preocupada polos seus estudos e por pagar o piso que acababa de comprar e De Flor recoméndalle buscar un oco para gozar do mellor da vida. Parece que ela tomou ben a reocmendación e atopou a canción “molto bella”.
“Apelón” estréase en Ferrol e empezará o seu percorrido en directo no mes de febreiro –pasada outra viaxe que De Flor ten pendente–. As datas pechadas ata o de agora son principalmente en locais das Rías Baixas.

Roger de Flor explora de novo a súa vertente máis íntima no disco “Apelón”

Te puede interesar