“Canto val unha vaca? Da cuestión agraria á cuestión pecuaria en Galicia” foi o ensaio gañador da IX edición do Premio Manuel Murguía que convoca a Deputación da Coruña. O certame, dotado con 6.500 euros, foi parar ao veterinario ourensán Diego Conde que a pasada semana acadaba o grao académico de doutor cunha tese sobre Juan Rof Codina dirixida polo profesor ferrolán Lourenzo Fernández Prieto.
O xurado do certame contou como comisario a Elisardo López Varela, acompañado de Rosario Sarmiento, Gonzalo de la Huerga Fidalgo e Xosé Ramón Freixeiro Mato. O tribunal sinalou que o traballo premiado “ofrece unha información completa sobre o papel que cumpre a vaca na historia social e económica galega. A obra destaca pola súa boa estruturación e polo rigor metodolóxico, cunha ampla documentación bibliográfica”, explicou o xurado, para engadir que “destaca a boa presentación, enriquecida coa incorporación dun amplo abano de gráficos e imaxes ilustrativas”. Outro dos puntos sinalados polo xurado foi “o estilo áxil e fresco, de grata e amena lectura para un público amplo, sen perder o rigor investigador”.
motor agrario
O propio autor sinala que “o traballo arrinca das citas de Castelao sobre o mundo da vaca e avanza para analizar o contexto que vai desde o ano 1865 ata 1936 en que a vaca é o motor das innovacións feitas no agro galego. A mecanización, os abonos ou a mellora xenética da raza rubia galega son algúns dos temas que trato buscando o interese divulgativo máis que a simple cuestión técnica”.
Igual que fixo na súa tese pero noutra clave, Conde analiza a figura de Juan Rof Codina, o veterinario máis importante xa non en Galicia senón da España da do século XX. “É certa a pegada modernizadora de Rof Codina no agro galego nesta etapa, pero tamén que os avances e innovacións que el pensaba que eran necesarios xa os estaban a facer os gandeiros do país (concursos, melloras sanitarias, etc). El sinteizounas e xustificounas tecnicamente, pero xa as estaban a facer os paisanos”.