Con máis de mil concertos en máis de vintecinco países e quince discos editados, Luar na Lubre, unha das bandas de referencia europeas da música folc, actuará hoxe no Pazo da Cultura de Narón –20.30 horas–. O seu líder, Bieito Romero, anticipa a través deste xornal o que poderán ver os espectadores que acudan á cita e tamén a actualidade da súa formación musical.
Que vai ofrecer Luar na Lubre no concerto de hoxe?
Estamos finalizando a xira de Sons da Lubre nas noites de luar do último disco, que saíu no 2012, e imos facer unha retrospectiva da nosa música desde que o grupo se fundou, con incidencia no último traballo editado, que é “Mar Maior”, que é donde se recolle parte da música que tamén irá neste novo disco que sairá en decembro. É un proxecto sinfónico que gravamos en directo coa Orquestra Sinfónica de Galicia aquí no Palacio da Ópera da Coruña, pero o que imos a tocar en Narón basicamente é facer un percorrido polo noso repertorio desde os comezos de Luar na Lubre ata o día de hoxe. Así, tocaremos temas que están incluídos no novo traballo, no que destaca unha suite que fixemos chamada “Torre de Breogán”, pero o que pasa é que está gravada con orquestra sinfónica e, evidentemente, no Pazo da Cultura de Narón non imos estar con orquestra.
Soará moi distinto?
A nosa música é moi particular cun son e un estilo moi propios, pero somos oito músicos en escena e cunha orquestra sinfónica seríamos oitenta. Este é un proxecto que está pensado para medio prazo e “Torre de Breogán” sairá o nove de decembro á rúa, pero mentres tanto nos continuamos facendo o noso repertorio habitual e estes temas estarán aí pero co estilo Luar na Lubre.
En que fase está ese novo traballo?
“Torre de Breogán” xa está feito, está mandado a Alemaña para que o impriman e o editen. O traballo rematouse hai pouquiño, aínda que se gravou na Palacio da Ópera o 21 e o 22 de xuño. Logo houbo que facer a posprodución, pero agora xa está camiño de saír.
Como andan de concertos na actualidade?
Estamos traballando con frecuencia, saíndo de Galicia con asiduidade. É fundamental poder fuxir un pouco do habitual, porque aquí é un territorio moi pequeniño para estar constantemente tocando. Si estamos actuando todos os meses, facendo toda a xeografía. Fai pouco viñemos dunha xira por América; estivemos en Chile e Arxentina, nunha xira importante e probablemente voltemos dentro de pouco por alá.
Como os acolle o público fóra daquí?
Son moi coñecedores do que facemos; é xente que paga un billete para ir ver a Luar na Lubre, tanto en Chile como en Arxentica como en calquera outro lado fóra de Galicia. Saben perfectamente o que van escoitar, coñecen os temas e valoran moitísimo o noso traballo e isto non o digo eu, confirmano as críticas. Encheuse o Ateneo de Bos Aires para ver a nosa música e tamén a Sala Chocolate de Santiago de Chile, así como nos distintos lugares nos que estivemos. E no resto da península tamén nos sentimos moi queridos, a xente paga por ver a música de Luar na Lubre e isto é o fundamental.