Baixo a organización do Padroado da Cultura e da Sociedade Cultural Areosa, hoxe terá lugar no concello de Narón a tradicional festa dos Maios. A actividade inclúe como novidade este ano a elaboración dun gran mosaico floral na Praza de Galicia.
O artista Leandro Lamas é o encargado de realizar o deseño de 15x15 metros sobre o que podrán traballar, nas tarefas de colocación da flor, todas as persoas que así o desexen –poderán facelo desde as dez da mañá–.
A celebración comezará ás 16.30 horas coa concentración de maios no local social de Piñeiros. Desde alí partirán, media hora máis tarde e pola estrada de Castela, cara a Praza de Galicia, donde haberá actuacións musicais a cargo dos grupos das Escolas do Padroado da Cultura, unha chocolatada ofrecida polos integrantes da sociedade Areosa –a partir das 18.30 horas– e a realización do devandito mosaico floral.
Os maios que hoxe tomarán parte na cita foron elaborados tanto nas entidades veciñais e culturais da cidade como nos colexios. Precisamente a implicación da veciñanza é un dos obxectivos marcados desde o Padroado, resultando de novo todo un éxito.
Participación
Máis de 1.300 rapazas e rapaces participaron nos obradoiros escolares, realizándose tamén este tipo de actividades nos centros cívicos do Val e de Piñeiros.
Unha decena de asociacións veciñais e culturais tamén construirán as súas propias composicións florais para participar na festa. l