A Biblioteca Central da praza de España abre o próximo luns, día 15 de setembro, o prazo para poder anotarse nos clubes de lectura de narrativa e no de lectura positiva que un ano máis organiza a Concellería de Cultura. A inscrición deberá formalizarse na mesma biblioteca ou por teléfono, xa que cada unha das actividades ten un límite de prazas de 20 persoas.
O club de lectura de narrativa está coordinado por Norma Fariña Couselo e se desenvolverá os terceiros mércores de cada mes en horario de 18.00 a 19.30 horas. A biblioteca proporciona os libros de lectura aos inscritos. Admítese un máximo de 5 oíntes, que poderán acudir ás sesións pero aos que non se lles reservará o libro. Existirá unha lista de espera para cinco persoas por se houbera algunha renuncia. Entre as primeiras obras que se comentarán están “La catedral”, de Blasco Ibáñez; “Paisaje de Otoño”, de Leonardo Padura; ou “Patrimonio”, de Philip Roth.
Asimesmo, a actividade de lectura positiva estará coordinada por Sabela Naranjo e terá lugar os cuartos xoves de mes, en horario de 18.00 a 20.00 horas. Neste caso, a biblioteca non proporciona os libros. Haberá unha lista de espera para 10 persoas por se houbera renuncias. Os primeriros traballos que se comentarán son “La buena vida”, de Álex Rovira; “Heridas emocionales”, de Bernardo Stamateas; El hombre en busca de sentido”, de Viktor Frankl; e “El mundo en tus manos”, de Elsa Punset.
tamén poesía
A estas dúas actividades hai que engadir o club de poesía que coordinará un ano máis Juan Carlos Valle Karlotti e que se desenvolverá con entrada libre durante varios luns ao mes. Así, en horario de 19.30 e 21.00 horas, e os días de reunión e a listaxe dos poetas dos que se falará serán os seguintes: O 13 de outubro, Gary Snyder e Herta Muller; o 3 de novembro, Malcolm Lowry e Joumana Haddad; o día 24 de novembro, Justo Alejo e Ósip Mandelshtam; e o 15 de decembro, Vicente Araguas. n