“A idea da que partimos é a de que nestes tempos hai que botar unha man á xente que trata de poñer a funcionar o agro nun momento en que hai unha economía de subsistencia emerxente e de que hai xente para o que é o único recurso”. Deste xeito falaba onte Elia Rico, presidenta da AVV de Canido, sobre a nova iniciativa que se celebra o próximo sábado 21 no barrio desde as 10.00 ás 20.00 horas. Unha cita que está a funcionar como punta de lanza dun proxecto de dinamización comercial aberta a todo tipo de iniciativas.
Ao longo da rúa Alegre (que non será cortada ao tráfico) situaranse uns 45 artesáns e 18 produtores, todos eles procedentes de Galicia, a comarca e o propio Canido. “Visitamos varias feiras e convidamos á xente a vir e nos sorprendeu xa non só a boa resposta, senón que os propios artesáns e produtores comentárono con outra xente e chegamos a case 70 postos, que é o límite. Con máis teríamos que facer o mercado noutro lugar”, destaca a presidenta.
participación
Rico agarda un éxito popular para a iniciativa, toda vez que as previsións meteorolóxicas parecen convidar ao optimismo. “Sería moi importante que a xente participase porque iso impulsaría o proxecto. De feito a nosa idea sería facer un mercado cada tres meses, con produtos de temporada, o que tería moito máis sentido”.
Ademais de artesanía e produtos do campo, a entidade veciñal apunta a outro tipo de venda, a de segunda man. “Recibimos varias peticións de comerciantes de segunda man para asistir ao mercado do sábado, pero xa era imposible. De todos modos, a cantidade de solicitudes foi tan elevada que pensamos facer un especial no barrio para o mes de decembro e, se sae ben, repetir cada certo tempo”, conta.
O mercado tradicional de Canido conta coa colaboración do Concello, que non cobra nada á entidade, polo que esta tampouco lle cobra nada aos expositores. Ademais, habilitarase un aparcadoiro por detrás do instituto local.
“Con esta iniciativa tratamos de potenciar o noso –apuntan desde a entidade veciñal– , de poñer en valor os bos produtos da nosa terra. E facémolo sen axudas de nigún tipo. De tódolos xeitos insistimos en que a presenza de visitantes vai ser fundamental para que as iniciativas que neste sentido temos pensado levar adiante poidan facerse, e agardamos que así sexa”.