Facer visíbel a evidencia

con certeza, os méritos de Carvalho Calero para ser homenaxeado co Día das Letras Galegas son tantos que custa caro comprender a morosidade da RAG (Real Academia Galega) en proclamalo. Escritor cunha importante produción en todos os xéneros: eminente poeta e ensaísta mais tamén narrador e autor de teatro, relator de brillante oratoria, primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade… É neste ámbito onde a súa competencia de lingüista, historiador e crítico intelixente pasa ao primeiro plano para encher as carencias científicas da súa materia, dándonos dúas obras absolutamente necesarias, a Gramática elemental del gallego común e a Historia da Literatura Galega Contemporánea. Se cada póla por si mesma xustificaría a distinción, a árbore enteira destacaba demasiado para non ser vista. Aínda así, a RAG foi adiando a súa designación para o Día das Letras. Fixo falta que as correntes favorábeis ao uso do galego principalmente, asociacións e entidades diversas, unhas cantas institucións e persoas de xeito individual (algunha e algún académico incluídos) erguesen esta reivindicación creando unha conciencia, mobilizada e sostida, ano tras ano, a insistir na candidatura de Carvalho. Así que, finalmente, a Academia acordou dar cabo a estes 20 anos de reclamación fronte a negación dedicándolle as Letras Galegas de 2020. Parabéns. Porque pior que equivocarse é persistir no erro.
Porén, a marxinación sufrida por Carvalho vén de lonxe. Sentiuna en vida e expresouna el mellor que ninguén: os seus colegas/o seu nome apagarom/no escalafom que editam. E temos que falar dela porque ten que ver co significado da súa obra e da súa figura, tan marcada pola historia do século XX e tan representativa dela, mesmo neste aspecto. Fíxose patente a raíz da escolla da norma que debía seguir o galego, cando, como é sabido, a postura científica representada por el ficou postergada. Carvalho defendía manter a filiación do noso idioma dentro do tronco lingüístico que por orixe e historia lle pertence, isto é, o galego-portugués. Fuxía das solucións castelanizantes, propias da lingua falada, porque acabarían por dialectalizar o galego e facer del un híbrido. A cuestión vai máis alá da ortografía, por máis que esta sexa importante por ser a imaxe da lingua. 
Por iso, ao lembrar aquela época, quero determe na homenaxe que lle fixo a S. C. Medulio no ano académico 1981-1982, polo seu carácter inaugural e por ser tan oportuna, xusto despois da súa xubilación. El mesmo cerrou o ciclo de conferencias que abrira o seu amigo Fernández del Riego na Aula de Cultura da desaparecida Caixa de Aforros de Galicia. Editouse un Caderno que recollía estes relatorios xunto con outras colaboracións de antigas alumnas e alumnos e, sobre todo, de artistas e escritores ferroláns: Vicente Araguas, Xosé Mª Dobarro, Guerra da Cal, Xaquín Marín, J. M. Montero Santalha, Francisco Rodríguez, Siro e Xohana Torres. O terceiro elemento desta actividade foi a colocación da placa que está na fachada da casa natal, feita no taller de Guillermo Feal, acto en que tamén estivo presente o vello profesor. Seguiron a esta outras moitas homenaxes, procedentes en xeral das asociacións de base, que evidenciaban a enorme distancia que había entre Carvalho e as institucións culturais máis influíntes.
Voltando á casa natal, cómpre despregar outro recordo que une pasado con presente, e mesmo ten proxección de futuro. Nel xoga un papel importante o Concello de Ferrol. D. Ricardo, nun vibrante discurso pronunciado no pazo municipal moi pouco antes de morrer, agradeceu a distinción de Fillo Predilecto da cidade , a quen promovera e a quen apoiara, por unanimidade, esta distinción. Quen promovera fora o BNG , que nese tempo aínda non entrara no Concello, mais aquela corporación aprobou por unanimidade a proposta, que contiña tamén a creación do premio que leva o nome do escritor e que permite, sen censuras, a ortografía preferida por el. As sucesivas corporacións foron mantendo, con maior ou menor entusiasmo, esta iniciativa e en 2010, no centenario do nacemento, o Concello dedicoulle unha moi digna homenaxe e comprou a casa natal. O alcalde actual vén de anunciar que vai tentar restaurala. Sería unha boa maneira de reanimar Ferrol Vello, de potenciar a cidade e de axudar a manter activo un legado fundamental para todas as persoas que, como el decía, non imaxinamos unha Galiza onde non se fale galego.

 

Facer visíbel a evidencia

Te puede interesar